Desde Xerais:
“Espallar a maxia do dragón galego e buscar novos lectores para a súa triloxía fantástica é o obxectivo co que a escritora galega Elena Gallego Abad participa no Encontro Internacional de Escritoras (XI EIDE Brasil) que se celebra en Brasília do 13 ao 17 de marzo.
Promovido pola Academia de Letras e Música do Brasil, o XI EIDE celébrase por vez primeira nun país de lingua portuguesa, e reúne na Capital Federal do Brasil a escritoras, xornalistas e formadores de opinión de varios países, evidenciando o espírito creativo das mulleres e a súa capacidade de produción literaria. A programación xeral do evento abrangue unha serie de palestras, talk shows, oficinas e performances. Tamén unha exposición de libros, con lanzamentos e presentacións.
A saga Dragal será unha das obras literarias presentadas durante este encontro. Elena Gallego Abad impartirá unha palestra cuxo texto será publicado pola Fundação Alexandre Gusmão – FUNAG, vinculada ao Ministerio de Relações Exteriores de Brasil, nunha antoloxía bilingüe (castelán e portugués). Ademais de participar neste XI EIDE Brasil, durante os últimos días Elena Gallego xa mantivo encontros con editoras cariocas, que amosaron o seu interese por unha posible tradución de Dragal ao portugués. Máis información na web do encontro.”