Entrevista de Ramón Nicolás a Xabier P. DoCampo na revista Qué leer, na versión en galego publicada no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Que cambiou na LIX galega dende os seus inicios como narrador?
– Xabier P. DoCampo (XPD): A LIX en Galicia é un fenómeno literario que se inicia como tal ao comezo dos anos oitenta. Nese tempo comezamos a publicar unha serie de escritores e escritoras da miña xeración, e facémolo como resposta á carencia de obras na nosa lingua que se poidan propoñer como lectura nas aulas. Esta necesidade continúa, pero superouse a urxencia daquel momento.
– RN: Sempre conxugou, na súa obra, a calidade literaria co interese argumental…
– XPD: É certo que se trata de contar historias, pero a literatura faise na linguaxe, ela é quen xera o elemento artístico da obra. Importan as historias, pero máis importa contalas ben, conxugar eficacia narrativa e beleza literaria.
– RN: A súa última obra: A illa de todas as illas, é unha homenaxe indubidable á mellor literatura….
– XPD: É o meu tributo á literatura que nos converteu en lectores, a aquelas obras que na infancia e adolescencia, debuxaron na nosa alma o mapa do arquipélago onde habitan as palabras. Mais tamén é un libro sobre a lectura. Ler é unha aventura, a de buscar en cada libro o que nos di de nós mesmos. É un camiño de formación do individuo, porque lle vai dicindo de si e da súa relación co mundo. Eu non nego o que a lectura ten de pasatempo, esa é unha forma de ler, pero non a única, porque hai esoutra: a de saber de min. Esa é a que eu quero para a LIX, xa que a ela, sempre que sexamos esixentes coa súa calidade literaria, está encomendada a formación do lector literario. A LIX fai lectores, pero máis debe facer bos lectores.
– RN: Como acolle o recoñecemento próximo que lle tributan dende a AELG?
– XPD: Estas cousas hai que acollelas sempre como algo que nace no cariño e na xenerosidade dos que deciden que sucedan. Eu recíboo con agradecemento a esas persoas e a todas cantas se alegran de que isto aconteza.
– RN: A súa loita pola defensa do idioma galego é insubornable. Que é o máis necesario hoxe para asegurar a súa continuidade?
– XPD: Se a alguén, individuo ou pobo, o despoxan da súa lingua aniquilan a súa capacidade de recoñecerse no mundo e na historia. Xa sempre vagará como un ser adimensional. Todos os idiomas son igual de importantes, de grandes e, mesmo, de extensos, porque todos chegan aos confíns das persoas que os falan e os entenden, e os confíns da alma están alá onde o universo se curva e se fai infinito. Tan difícil é de entender que somos galegos porque falamos galego?
– RN: E para aumentar a base lectora?
– XPD: Os lectores e lectoras fanse na escola. A educación debe consistir en ler e escribir (e despois todo o demais, pero despois). En aprender a facelo con criterio persoal, pero harmónico coa historia. Ler axúdanos a facernos sabios e o ser humano naceu destinado ao saber.”