Ledicia Costas: “A represión social e política non poden quitarnos a fantasía e a capacidade de soñar”

Entrevista de Montse Dopico a Ledicia Costas en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): En Recinto gris as persoas diferentes son enviadas a un campo de concentración. Xa en Unha estrela no vento tiñas un personaxe que se sentía diferente aos demais…
– Ledicia Costas (LC): Teño debilidade polas persoas que son diferentes e por iso socialmente discriminadas. Por iso sempre acaban estando nas miñas novelas, dun xeito ou doutro. En Recinto gris están dun modo máis explícito: un neno albino, unha nena con síndrome de Asperger, unha muller con síndrome de Dióxenes… Hai un personaxe que está inspirado nun home que vive nun portal na rúa Urzáiz, en Vigo, e que pasa o día aferrado ao seu transistor. (…)
– MD: A literatura infantil e xuvenil é moi importante nas vendas das principais editoras, ás editoras especializadas vailles ben…
– LC: Pois eu sinto que para moita xente aínda segue a ser unha literatura de segunda categoría. Aínda é bastante habitual que che pregunten cando vas facer unha novela de verdade. Eu esfórzome o mesmo coa literatura xuvenil que coa literatura de adultos. O 35 por cento da produción galega é LIX, así que, si, é bastante. Ademais unha das funcións da literatura xuvenil é crear lectores.
– MD: Dicías antes que era máis difícil ter visibilidade se eras muller. Se cadra na poesía iso non pasa tanto.
– LC: Porque para esas mentes de elevado nivel intelectual das que falabamos antes que unha muller faga poesía está ben, pero a parte da literatura que consideran “seria”, a narrativa, é cousa máis ben de homes. Poesía si porque o que consideran volátil e fráxil, a poesía, parécelles axeitado para mulleres. (…)”