Anxos Sumai: “Conseguín escribir con valentía, con absoluta liberdade creativa”

Entrevista de Carme Vidal a Anxos Sumai en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Aínda impactada coa lectura de A lúa da colleita gustaríame saber que lle están a comentar as persoas que len a novela.
– Anxos Sumai (AS): Coinciden en que crea unha grande angustia e familiaridade coa protagonista. A sensación de atmosfera percíbea todo o mundo e iso alégrame, porque escribo sen premeditación mais sei o que busco. O emprego das cores, os obxectos cotiás, mesmo a descripción das pisadas no corredor están no libro para crear esa atmosfera. (…)
– SG: Non hai unha páxina de respiro. A intensidade é un dos obxectivos?
– AS: Busqueina. Quixen provocar en quen le a mesma incerteza que sente Nuria, a protagonista. É moi fácil alterar os límites e que desapareza a sensación de seguridade. Vive nun continuo estado de provisionalidade. Escribín que ela tiña a sensación de habitar nunha sala de espera e que ingresaría nalgún momento. É como eses soños que tes de pequena de ser algo importante de maior e, despois, a idade trae grandes decepcións e decátaste de que a vida é un fraude e cómpre asumir as responsabilidade nós mesmas. (…)
– SG: É das poucas que introduce sexo e drogas na novela. Cre que a nosa literatura adoece de excesivo control?
– AS: Ás veces utilizo imaxes moi duras, mais nin gore nin pornográficas. Creo que trato aos personaxes con sutileza. O que fago é contar a vida e na vida hai sexo e hai drogas. Outros autores tamén o fan, penso agora en Xavier Queipo, Antón Lopo, Xurxo Borrazás… De todas maneiras, paréceme que na literatura en xeral predomina nestes tempos unha vontade por escribir de maneira politicamente correcta. Eu opto por contar a verdade. (…)
– SG: A súa relación coa literatura goza desa intensidade?
– AS: Cando non teño nada que contar prefiro calar. Mais, de todas maneiras, a literatura está sempre presente. Usei mil manobras para non escribir cando intentaba comezar A lúa na colleita. Especialiceime en facer madalenas como noutro tempo ía bailar ás discotecas ou bordaba. A miña relación coa literatura é moi antiga, ven da infancia, pero opto por publicar pouco. Quero estar segura do que publico para poder defender o traballo con confianza. (…)”