Entrevista a Pere Tobaruela en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Vostede recalca que xa Fernando Pessoa adoitaba empregar heterónimos para publicar obras. ¿Como foi a experiencia de ter que adoptar o rol dunha muller para escribir [Vapor]?
– Pere Tobaruela (PT): Para min é un xogo literario, así que se con cada protagonista me meto na súa pel, coa autora chegamos a crear un mundo, de maneira que ela está casada, vive en Roma, tén gatos e tamén fans, pois Resurrección véndese ata en México, Miami ou Arxentina. Pero tamén é certo que existe un consumo feminino de literatura. No caso de Vapor, podo dicir que o seu consumo é feminino nun 97%, debido a que é un libro de emocións. Aínda que está etiquetado como literatura xuvenil, invito a toda a xente a lelo.
– FdV: ¿Chegará un momento en que a autora faga desaparecer ó autor, ou viceversa?
– PT: Non ten por qué pasar iso, o que ocorre é que hoxe hai un fetichismo tremendo polos autores, máis que polo contido dos libros. Agora estamos no momento de reinventarnos para que o público se dea conta de que os escritores somos creadores. Con este tipo de xogadas, o que pretendo é chegar ó público, captar lectores en galego e que vexan que poden divertirse lendo nesta lingua. Para iso, procuro non botar man do enxebrismo. Se para ler un libro o lector tén que botar man do diccionario, está claro que o problema é do autor.
– FdV: Vostede é catalán de nacemento, e comezou publicando neste idioma. ¿Desde cando escribe en galego?
– PT: Cheguei a Galicia en 2005 e, para afianzar a lingua, comecei a escribir contos. Ós 9 meses xa publiquei. Agora publico de forma indistinta en catalán, español ou galego, dependendo dos encargos. Iso si, non escribo nada que non estea vendido xa. É dicir, antes de escribir comprobo que a idea que teño non está xa publicada.
– FdV: Aínda que non exerce como docente, é consciente de que os gostos da infancia e da xuventude mudaron cos que tiñan os nenos de fai 20 ou 30 anos. ¿Qué contidos demandan agora?
– PT: A xente nova tén unha grande atracción polo visual e por internet, de maneira que a escrita agora debe ser máis voluptuosa, como se estivésemos vendo escenas cinematográficas. Por iso concibo os libros xuvenís cun ilustrador. Hoxe en día é un recurso pouco explotado pero que nos pode axudar a chegar ó público.”