Anxos Sumai: “En realidade, A lúa da colleita é a miña primeira novela”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Anxos Sumai en BiosBardia:
“(…) – B: Que valores dos que depositou na novela [A lúa da colleita] coida que foron os máis valorados polos críticos e lectores?
– Anxos Sumai (AS): Para contestar téñome que guiar polas críticas que teño lido, polos comentarios que me chegan. O xurado do García Barros, na súa acta de deliberación, destacara a intriga psicolóxica do libro. Foi unha sorpresa para min porque non contaba con que a novela se puidese definir como de “intriga”. Penso que os puntos fortes son a atmosfera de inquedanza permanente na que transcorre a historia e tamén a facilidade de identificarse coa personaxe protagonista. (…)
– B: É vostede das escritoras con referencias inconscientes ou das que se ampara no estilo ou nos temas dalgúns escritores en concreto antes de empezar un proxecto?
– AS: Supoño que nos meus textos hai referencias implícitas a outros universos literarios pero están absorbidas e non podo atribuírlle a miña narrativa a ninguén. De pequena sentía fascinación pola narrativa oral. Crieime na aldea, había contacontos. Por causa dese ambiente me fixen narradora. Cando empecei a escribir, con 18-20 anos, recoñezo a influencia de Julio Cortázar, logo a de Margarita Ledo. Durante o meu tempo de redactora do blog recoñezo que pesaba máis na construción do meu discurso a vida cotiá ca a literatura: a prensa, as conversas… Aínda así, si hai unha influencia que me acompaña sempre: Yasunari Kawabata, a quen levo lendo toda a miña vida e non podo negar que está integrado na miña escrita.
– B: A profesora Dolores Vilavedra considera que a maior novidade da literatura galega actual é a consolidación dunha literatura feminina. Estás de acordo?
– AS: Non me gustan as etiquetas porque as xeneralizacións poden levar á confusión. E non o digo polo seu comentario senón polo empobrecemento de observar os matices de cada autora cun prisma simplificador, xeracional no peor sentido. Prefiro que nos individualicen e nos valoren a cada unha pola nosa obra porque cada unha de nós presenta un discurso único e diferente. Hoxe temos escritoras moi potentes: Olalla Cociña, María Reimóndez, Rosa Aneiros, por poñer uns poucos exemplos. Cada unha delas ten unha obra admirable.
– B: A gran novidade é que as mulleres por fin encontraron acougo, tempo e espazo suficiente para faceren narrativa. A poesía era un xénero máis compatible con atender a casa e a familia.
– AS: Mira: cando empecei a escribir, a finais da década do 1970, decateime de que o primeiro que tiña que facer era conseguir a independencia profesional e económica. Formeime, opositei e empecei a convivir coa persoa que quería. E nese contexto carecín durante moito tempo do cuarto propio de Virginia Woolf, de Rosalía de Castro. Ou, en palabras de Itziar Ziga, un zulo propio. A falta de soidade e silencio renunciei á literatura. Cando me decidín, por fin, a volver escribir, tiven que optar pola liberdade para entón si, encontrar ese cuarto de meu. Para as mulleres do meu tempo non é fácil concibir esa maneira de vivir porque nos educaron cuns valores distintos aos que perciben as novas xeracións. A min aínda me quedan tics, coma o de non poder poñerme a escribir sen ter a louza lavada. As escritoras novas xa funcionan doutro xeito, liberáronse de determinadas responsabilidades e encaran á dedicación á escrita sen os preconceptos que nós tiñamos. (…)”