Ramón Villares inicia o seu último mandato no Consello da Cultura Galega

Desde Sermos Galiza:
“As normas do Consello da Cultura Galega contemplan que o tempo máximo de permanencia na presidencia é dun mandato de catro anos, mais Ramón Villares acóllese para a súa reelección a que a aprobación foi en 2008 e, polo tanto, a súa aplicación non ten carácter retroactivo.
Ramón Villares foi reelixido para os vindeiros catro anos, con 22 votos a favor e un en branco, nunha sesión plenaria extraordinaria que tivo lugar na tarde desta quinta feira no propio Consello da Cultura Galega. Para se candidatar á presidencia da institución, precísase o aval de, cando menos, seis membros do Pleno que, no caso de Villares, foron, entre outros, Francisco Díaz Fierros, Rosario Álvarez, Xosé López, María Xosé Agra, Concepción Varela, Yzquierdo Perrín e Iago Seara. O último trámite para que a elección sexa efectiva será a publicación do decreto da Xunta por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Con carácter previo, informarase ao Parlamento da proposta para que poida dispor para a súa comparecencia. (…)
O novo pleno do CCG muda tamén a súa composición no apartado de personalidades representativas da cutura galega no que entran Dolores Vilavedra e María Xosé Porteiro ao tempo que son reelixidos Xosé López, Ramón Máiz, Concepción Varela e Maximino Zumalave, unha paridade de xénero que se perde no órgano pola participación de representantes nas institucións, na súa totalidade masculinos.”