Entrevista a Ledicia Costas sobre Recinto gris no Clube de Lectura CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco

Entrevista do blogue do Club de Lectura do CPI ‘Alcalde Xosé Pichel’ de Coristanco a Ledicia Costas:
“(…) – Clube de Lectura do CPI Alcalde Xosé Pichel (CLAXP): De onde naceu a idea de traballar a temática que desenvolves en Recinto Gris?
– Ledicia Costas (LC): A idea naceu nunha época na que eu estaba a documentarme para a escrita dun libro de relatos arredor da Segunda Guerra Mundial. Afondei no tema dos totalitarismos e, máis en concreto, do ascenso do nacionalsocialismo en Alemaña e nas súas repercusións. Decateime entón de que nos plans de estudos non se abordaba practicamente este tema. Fun máis alá e percibín que existía un enorme baleiro académico no que se refire aos holocaustos. Entón díxenme: se nos centros de ensino non se estudan os xenocidios, temos un problema. E decidín abordar o tema nunha obra, para que puidese ser tratado nas aulas, aínda que sexa de xeito transversal.
– CLAXP: Entendemos que a protagonista Nube representa o perfil dunha nena autista. É así? Por que esta escolla?
– LC: O que padece Nube exactamente é Síndrome de Asperger. Escollín este trastorno porque na sociedade existen moitas persoas que conviven con este problema, tanto nenos e nenas coma persoas adultas. Quixen poñer de manifesto algunhas das dificultades coas que se atopan os Asperger na súa vida diaria (dificultade á hora de interaccionar socialmente, problemas de comunicación…), así como a súa excelencia intelectual. Quixen desmitificar a imaxe que se ten das persoas que padecen este tipo de trastornos incidindo nas problemáticas do día a día. (…)
– CLAXP: Como te sentiches unha vez rematada a escrita desta novela?
– LC: Sentín que escribira exactamente o que quería: unha distopía que integra elementos do realismo máxico, na que se achega ao lectorado un tema para min imprescindible, como é o holocausto e o funcionamento dos sistemas totalitaristas. E máis aínda, nestes momentos en que a ultradereita ascendeu en Europa de xeito tan preocupante. A única posibilidade de non cometer os mesmos erros no futuro, é coñecer os erros que se cometeron no pasado. Necesitamos rapazas e rapaces con capacidade crítica e con vontade de cambio.”