Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Fernando M Cimadevila:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– O humor (advertidos quedades lectores de cuestionarios).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A boa calidade, por desgraza as persoas non veñen con selos de garantía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Non moito, que lles vou pedir… xa bastante fan con aturarme.
4.– A súa principal eiva?
– A falta de eivas, ou o ignorar as mesmas.
5.– A súa ocupación favorita?
– Durmir! Talvez soñar!
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ese punto onde estás a piques de acadala pero sempre vai un paso por diante túa.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro non pensar a resposta, non vaia atraela.
8.– Que lle gustaría ser?
– Algo máis novo, algo máis alto, algo máis guapo… o normal.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Comarca (Terra Media), comendo, bebendo e traballando coas mans.
10.– A súa cor favorita?
– Varía segundo o cartucho que se esgota antes da impresora. Pero o ciano me relaxa.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A que medra libre no campo.
12.– O paxaro que prefire?
– Os “cento voando”, son moi de quimeras.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eu non devociono, prefiro que me cegue o resplandor a vivir baixo a sombra de outros. Pero admirar admiro a moitos, a todos aqueles que escriben con sinceridade, con aprecio ás historias e aos personaxes, os que viven e aman os seus libros e se afastan da pretensiosidade e dos ditados da industria.
14.– E na poesía?
– Non son lector de poesía. Como músico (vocalista) a miña poesía é a música, e a forza das palabras reside na harmonía de ambas as dúas disciplinas.
15.– Un libro?
– O Hobbit, un conto para adultos que nos devolve o fogar perdido.
16.– Un heroe de ficción?
– Gandalf: poderoso, sabio, vai e ven cando lle peta, e fai e desfai ao seu antollo.
17.– Unha heroína?
– Eu non son de drogas, algo de café no almorzo, máis nada.
18.– A súa música favorita?
– Rock e metal, nas súas múltiples fusións. Guitarras grosas e contundentes.
19.– Na pintura?
– No apartado pictórico son moi de banda deseñada, tamén nas súas múltiples variantes, nos últimos anos moi de álbum europeo e novela gráfica.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As nais en xeral, en especial a miña… santa paciencia!!!
21.– O seu nome favorito?
– Non teño moito onde escoller, os meus pais só me puxeron dous: Fernando e Manuel, polos meus avós, así que me quedo con ambos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Os que non predican co exemplo.
23.– O que máis odia?
– Madrugar, indubidablemente.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Prefiro reservar o meu desprezo para aqueles que aínda a están a escribir. E nestes tempos que corren rífanse os candidatos.
25.– Un feito militar que admire?
– Os tratados de paz e en segundo lugar os armisticios.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Voar, a ver quen di o contrario.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Acadando a inmortalidade.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ese que cando nos preguntan “que tal?”, respondemos “imos tirando”.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non entrañan malicia.
30.– Un lema na súa vida?
– Ama, soña, escribe.”