Ramón Vilar: “Falamos de cambiar o mundo mais esquecemos cambiarnos a nós mesmos”

Entrevista de Montse Dopico a Ramón Vilar Landeira en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): A maioría dos relatos parecen de escrita recente, pola temática. Foi así?
– Ramón Vilar Landeira (RVL): É certo que escribindo levo moitos anos. Mais sempre era crítico co que escribía, ou se cadra inseguro… Hai relatos que rompín e volvín facer e outros que desbotei, ou novelas que comecei e decidín deixar. Sempre é un proceso de escribir e romper… Si que ás veces mandaba cousas a premios para probar se gustaban, pero nunca mandara nada a unha editorial. Esta foi a primeira vez. Os televisores estrábicos empeceino polo 2009, cando xa era evidente o tema da crise. Eu quería facer algo que reflectise a crise, pero non só económica, senón tamén as crises persoais, afectivas. No libro tamén hai algún relato anterior a esa época, pero case todos foron escritos a partir do 2009.
– MD: Case todos os relatos están protagonizados por xente de clase traballadora. Falas da crise desde esa perspectiva.
– RVL: É un libro de ficción, non é autobiográfico. Conto cousas que vivín pero ficcionalizadas, cousas que me contaron, que lle pasaron a outras persoas… Pero si é certo que, claro, a clase traballadora é a que mellor coñezo. É normal que estea moi presente nos relatos.
– MD: No último dos relatos o personaxe fai unha reflexión que parece túa. Di que escribir en galego é como rexentar un supermercado de barrio a 200 metros dunha gran área comercial.
– RVL: Si, porque o noso é un sistema literario pequeno que ten diante unha gran superficie comercial que é o castelán. E o pequeno tendeiro non pode competir, aínda tendo un produto da mesma ou de máis calidade, por causa do marketing, das axudas que levan os grandes…
– MD: Ese mesmo personaxe explica que a escrita é unha loita contra un mesmo e que os seus relatos son retratos, imaxes… Que é o que é Os televisores estrábicos.
– RVL: Porque eu creo que cada un escribe contra si mesmo e non para competir cos demais. Tes diante a folla en branco e é algo contigo mesmo. Rompes o que non che gusta, sentes frustración por non ser quen de escribir algo mellor… E esa insatisfacción é o que che levar a tentar mellorar… E despois, que é algo que para min tamén é evidente, o que pasa é que moito falamos de cambiar o mundo mais esquecémonos de cambiarnos primeiro a nós mesmos. (…)”