Xulio Pardo de Neyra: “Eu estaría moi honrado de que quen lese a miña novela se correse”

Entrevista a Xulio Pardo de Neyra en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): Que tipo de historia atopará o lector ou lectora en Intensa e quente é a túa humidade azul?
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): O lector, e a lectora por suposto, atopará unha historia de amor, unha desas historias de amor sen límites e condicionantes que, tal vez, sexa bastante difícil de atopar na vida real. Mais en todo caso, quen se achegue á novela vai atopar esa maxia intensa que só se desprende dunha relación intensa, dun mundo que bebe, que aspira e que se refai na intensidade azul dunha fartura física absoluta.
– VNC: Cualificas o libro como a primeira novela porno en galego. Cal é para ti a fronteira entre erotismo e pornografía?
– XPN: Para min, como para outros e outras investigadoras, o pornográfico, lonxe do rastreiro e do simple, é a maxia do explícito, mentres que o erotismo afunde na suxestión. Por tanto xulgo que a precitada fronteira estriba na forza do diáfano, da claridade.
– VNC: De onde te inspiras para crear os momentos sexuais da novela? Fantasías persoais, historias que che contan, momentos vividos…
– XPN: Hai de todo. As persoas somos fantasía e experiencias, e sobre todo cando nos achegamos á creación. Os momentos sexuais da novela proceden de variados ámbitos, da miña propia imaxinación e fantasías, de experiencias artísticas, en concreto literarias, e por suposto da miña vida real. (…)
– VNC: Nos teus doutorados, porque tes máis de un, abordas a temática cabaleiresca e a da Dama do Lago ou das augas, un elemento directamente relacionado coa fertilidade e sexualidade. Estas influído por este pouso?
– XPN: Si, claro. A miña faceta de investigador enche a miña vida por completo, e o asunto da forza da mitoloxía feminina da auga é algo que, amais de xulgar apaixonante, inflúe e influíu moito na miña escrita de creación. Na novela, ademais, fago un chisco de ollo tanto á miña propia actividade investigadora académica como, por outra parte, ao misterio da muller en chave ideolóxica relixioso-católica: non en van, nela fanse non poucas alusións á figura da María Madalena. (…)”