Entrevista de César Lorenzo Gil a Xosé Miranda en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): E por que un precisa escribir?
– Xosé Miranda (XM): Eu preciso escribir por moitas razóns. Unha das máis importantes é que a literatura me permite vivir moitas vidas. Non teño capacidade para experimentar directamente outras realidades que a miña pero cando creo personaxes e historias aí teño liberdade absoluta. Unha liberdade que vai incluso máis alá do racional. O que aparece nos libros sempre é inventado e iso dá unhas posibilidades enormes para os que deixamos solta a imaxinación.
– B: Vostede sempre di que é falso que a literatura fantástica sexa menos comprometida que a realista.
– XM: Na teoría literaria en Galiza detectei en tempos un grave erro. Falouse de que a literatura debe ser un espello do mundo, entendendo que o mundo é aquilo que é mensurábel. Isto é falso porque sabemos que o real é aquilo que está na mente e, polo tanto, pode haber moitos realismos. As nosas letras sempre viviron nesa suposta antítese entre a literatura realista e a fantástica: Rosalía de Castro contra Eduardo Pondal; Álvaro Cunqueiro contra Celso Emilio Ferreiro… Por sorte, Xosé Luís Méndez Ferrín superou esa división e xunguiu na mesma obra ambas as correntes. Mais iso non foi suficiente e perviviu durante moito tempo unha idea atroz: a literatura realista é comprometida, a fantástica é escapista. Eu negueime a aceptalo. Esa idea conduce a unha literatura costumista, copia mal feita da literatura realista estadounidense, o denominado dirty realism (realismo sucio). E se un escribía literatura fantástica rapidamente lle apuñan dous cualificativos nunca ben explicados: artúrico e cunqueiriano.
– B: E por que se impuxo esa doutrina?
– XM: Coido que a literatura galega estivo bastante influída pola poesía social española e todo o socialrealismo que promoveu. Un socialrealismo, por certo, que é o máis aburrido do mundo. E iso desemboca nese tópico de que o realismo social é antifranquista, polo tanto, demócrata, polo tanto moralmente máis defendíbel, polo tanto mellor. Esas consideracións éticas son un tanto ridículas e xorden desa primeira premisa falsa: que o realismo explica mellor a realidade. (…)”