Cuestionario Proust: Xerardo Méndez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xerardo Méndez:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Oscilo harmonicamente entre a fantasía e o solipsismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Iso que se chama bonhomía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada. Anque non o pareza hai cousas que non teñen prezo.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Son polígamo neste terreo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non ter que traballar para comer.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non quero nin pensalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Por sorte ou desgraza, eu mesmo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste. Por algo o escollín.
10.– A súa cor favorita?
– O ceo dos días de neve.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As pequenas, esas das que esquecemos (ou ignoramos) o nome.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporroibo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Blanco Amor e outros mil detrás.
14.– E na poesía?
– Neruda, Ernesto Cardenal, Ferrín, Celso Emilio e outro tanto.
15.– Un libro?
Canto General.
16.– Un heroe de ficción?
– Na ficción non hai heroes.
17.– Unha heroína?
– Calquera mestra de infantil.
18.– A súa música favorita?
– Aí matáchesme. Poñamos o «Alalá das mariñas», por dicir algo.
19.– Na pintura?
– Van Gogh.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– @s árbitr@s de calquera deporte, especialmente nos deportes minoritarios e nas categorías inferiores.
21.– O seu nome favorito?
– Albén.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O que che eu diga.
23.– O que máis odia?
– Odiar cansa moito.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O presente está cheo de miseria, prefiro non mirar atrás.
25.– Un feito militar que admire?
– A disolución do exército de Costa Rica.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Non quero máis, que non os dou atendido …
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– O meu avó, que en paz estea, acostumaba dicir: “uns morrerán e outros quedaremos”. Eu penso igual.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo ben informado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A caridade, ben entendida, empeza por un mesmo.
30.– Un lema na súa vida?
– «El destino se labra con las uñas». Creo que o dixo Mario Benedetti.”