O orzamento da Xunta para cultura caeu nun 60% desde o inicio da crise

Desde Sermos Galiza:
“O Observatorio da Cultura Galega (dependente do Consello da Cultura Galega) constata que entre 2007 e 2014 o orzamento para cultura da Xunta de Galiza caeu en perto dun 60%, situando o gasto por habitante en 34,4 euros, o que fai de Galiza o noveno territorio do conxunto estatal en gasto.
O informe Gasto público en cultura analiza o destino e a natureza do gasto das diferentes administracións no eido cultural a partir dos datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas; das Entidades Locais, e do Instituto Galego de Estatística. Así, constata que o descenso dos orzamentos é unha característica do financiamento das administración públicas nos últimos anos. “O orzamento da Xunta de Galiza descendeu entre 2007 e 2014 un 12%. Agora ben, este informe evidencia que o recorte global se distribúe de xeito diferenciado entre as diferentes áreas e políticas. De tal xeito que se o descenso en sanidade é dun 6,64%, o de educación é un 11,18% o de cultura é un 58,40%”.
O informe destaca a dificultade de coñecer como se distribúe o gasto, principalmente polas diferentes formas que toma a administración (axencias, empresas públicas.). Tendo en conta estas características, no ano 2011 a Xunta destinou 94 240 000 euros, que executou nas seguintes partidas: 22 564 000 en bens e servizos culturais; 300 000 en artes plásticas, escénicas e musicais; 5 526 000 en libro e audiovisual, e 65 850 000 en actividades interdisciplinares (dos que 37 millóns foron para promoción e difusión cultural e 23 millóns para política lingüística).”