Entrevista a Pilar García Negro en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Dentro da amplitude que ten a cultura galega, cales son os temas que máis lle interesan ou preocupan a Pilar García Negro?
– Pilar García Negro (PGN): Varios relacionados coa literatura, nomeadamente do século XIX e da primeira metade do XX; o feminismo; a lingua en toda a súa extensión e, en concreto, na súa didáctica. (…)
– NG: De todos os escritores e persoeiros sobre os que levou a cabo estudos, con cal se identifica máis? Por que?
– PGN: Sen dúbida, con Rosalía de Castro, por moito que sigo a pensar que soubo ela máis de todos nós do que nós chegaremos a saber dela. A admiración por esta muller que nos fundou é a cada paso maior. (…)
– NG: Podemos falar de Literatura Feminina? Ou este cualificativo é, en si mesmo, un tipo de machismo?
– PGN: Coido que non cabe falar de literatura feminina nin como un totum nin como un continuum, por tanto, nin do punto de vista histórico nin do temático, ou ideolóxico. Hai múltiplas sinaturas femininas (na política, na empresa, na escola, na universidade…) que serven competentemente ós predominantes intereses masculinos e masculinistas ou, máis concretamente, capitalista-masculinistas (falo de capitalismo, porque quen non o discuta pouco pode defender en positivo para a maioría das mulleres). Dentro da literatura feminista, hai tamén considerábeis diferenzas de óptica e de mentalidade. Porén, entre autoras moi diferentes, existe un río profundo de afinidade ou de compenetración, que revela respostas semellantes a unhas realidades materiais e sociais marcadas pola servidume, a discriminación, a subordinación a patróns externos e superiores a elas mesmas. A atracción que suscita a nosa Rosalía de Castro por parte de reputadas intelectuais feministas de moitos lugares do mundo é proba disto. Unha cousa é o “feminismo de catálogo” dos nosos días, que só admite a quen previamente o compón. Ou a banalización do concepto que o priva de todo sentido liberador: “poña uns gramos de feminismo no seu discurso, a ver a cantas incautas conquista”. (…)”