Anxos Sumai: “Con cada novela o meu concepto de moral vai sendo menos estrito”

EntrevistaAnxos Sumai a Anxos Sumai en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Dixeches nunha ocasión que che faría falta escribir outro libro para definir A lúa da colleita, como é iso?
– Anxos Sumai (AS): Normalmente resúltame moi difícil explicar os meus libros e máis aínda esta novela. A obra debería explicarse de seu, sería o lóxico. A lúa da colleita é unha novela aberta, que precisa da participación activa de quen a le. A medida que a escribía xurdíanme temas sobre os que reflexionar, e que ían máis alá do meu propósito inicial, como a alteridade, a identidade, a vellez, a morte, a maternidade, a soidade… Non son quen de reducir a novela a un par de parágrafos, por máis que o pretenda.
– NG: É a historia da viaxe que fai a protagonista na procura de si mesma, non si? Ela é diferente ó resto e quere saber por que…
– AS: Basicamente é iso. Nuria, unha das protagonistas, intúe que canda ela existe unha especie de némese, un lado oculto, unha antagonista ou unha dobre. Precisa saber que acontece e dicide illarse, investigar. Ao longo da novela insiste constantemente na necesidade de reunificarse, de ser unha. É dicir, cómprelle aceptarse completa, coa parte boa e a parte mala e, ao tempo que se lle van confirmando as intuicións, tamén se vai formando unha idea do que é a partir do que os demais ven nela. (…)
– NG: Tense definido como “moi autocrítica”, non sei se isto ten que ver… Malia todo, cos premios recibidos xa pode dar o traballo por ben feito, non? Porque inda foron uns cuantos…
– AS: Si, como che dicía, para publicar teño que estar moi segura. Para empezar, teño que estar convencida de que nalgún momento eu mesma terei o valor de coller un libro meu, lelo e non arrepentirme. Por sorte, teño un bo editor moi crítico que me dá seguridade. Os premios literarios, os máis deles, viñéronme dados e precisamente por iso son os que máis agradezo. Eu só me presentei a dous premios, o Repsol e ao García Barros, e gañeinos. E se me presentei foi precisamente para ter a opinión dun xurado cualificado. Os premios para min son coma a rede que ampara o salto do equilibrista: tranquilízanme, aínda que non me salvan do medo escénico e das dúbidas que me roldan ata que as obras están xa moi lonxe de min. (…)”