D. Darío Rivas Cando é fillo de Severino Rivas Barja, alcalde de Castro de Rei asasinado o 29 de outubro de 1936 por un grupo de falanxistas. Cando se cometeu o crime, o mozo Darío atopábase en Arxentina, onde emigrara pouco antes en busca dun futuro mellor para el e a súa familia, do mesmo xeito que o fixeron miles de galegos no pasado século; 69 anos despois, en agosto de 2005, os restos do último alcalde democrático deste municipio de A Terra Chá foron localizados e exhumados en Cortapezas, Portomarín, no lugar no que os seus asasinos elixiran para que repousase o seu corpo. Grazas ao labor da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), Darío puido dar unha digna sepultura e un emotivo adeus ao seu pai.
D. Darío Rivas Cando foi un dos verdadeiros impulsores da Querela Arxentina contra os crimes do Franquismo, reclamación de xustiza que non puido ser realizada en España. Grazas á denuncia presentada o 14 de abril de 2010 por D. Darío Rivas, entre outros/as familiares, o Xulgado Nacional no Criminal e Correccional Federal nº 1 de Buenos Aires, abriu dilixencias a través da xuíza Dna. María Servini de Cubría. Comezaba entón unha longa andaina en busca de verdade, Xustiza e Reparación, algo que miles de vítimas do Franquismo levan reclamando décadas e que aínda os poderes do Estado non satisfixeron.
D. Darío Rivas Cando, que hoxe conta con noventa e catro anos de idade, viaxará este verán á súa terra natal. Seralle realizada unha sentida homenaxe en Lugo a través da Deputación Provincial. Unha homenaxe de recoñecemento ao seu labor en favor dos Dereitos Humanos, na defensa de vítimas e familiares dos crimes do franquismo, quen en moitos casos víronlle como o exemplo necesario para comezar a procura de Xustiza alén do charco.
A Deputación Provincial de Lugo outorgaralle a placa de honra da provincia de Lugo o día 31 de Xullo ás 13 horas nun solemne acto no Palacio provincial para realizar despois unha comida homenaxe ás 14:30 horas no Hotel Méndez Núñez, coa participación de autoridades, familiares e amigos. Contarase tamén coa adhesión das persoas e colectivos que desexen mostrar o seu agarimo a D. Darío Rivas Cando, así como dar apoio á súa loita polos Dereitos Humanos en calquera parte do mundo.
Para confirmar asistencia ao acto e ao xantar: homenaxedariorivas2014@gmail.com
Teléfono 00 34 658 680 904.
As adhesións á Homenaxe a D. Don Darío Rivas, pódense realizar da seguiente maneira:
Por vídeo,
Gravación enviada a través de WETRANSFER
(Fundación TIC de Lugo)
producción.cpp@fundaciontic.org
Carta escrita de adhesión a
homenaxedariorivas2014@gmail.com