Celia Díaz: “Os nenos len moito pero despois na adolescencia en moitos casos deixan de facelo”

EntrevistaCelia Díaz a Celia Díaz en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E como valoras os certames literarios en canto ó seu papel para a normalización da lingua e a literatura? Unha lingua con actividade neste senso é unha lingua viva?
– Celia Díaz (CD): É o que falabamos, os certames literarios danlle visibilidade aos textos literarios e facilitan o seu achegamento aos lectores. Nese sentido, os premios literarios en lingua galega contribúen a normalizar a nosa lingua e tamén a incrementar a presenza das obras literarias. Por iso é importante que existan certames para todos os xéneros, non unicamente para a narrativa, que son os que máis abundan.
– NG: Poderíamos dicir que a literatura infantil é o mellor garante que ten unha literatura para a súa persistencia? É a maneira de crear lectores futuros?
– CD: Os nenos len moito pero despois na adolescencia en moitos casos deixan de facelo porque descobren outros intereses e teñen acceso a outros medios, cada vez a idades máis temperás. É importante contar con bos textos literarios e con historias potentes para que non decaia o interese dos rapaces. É fundamental que existan edicións de calidade destinadas aos máis novos, porque nesas idades os libros entran sobre todo polos ollos. E como non, actualmente cómpre tamén unha presenza no ámbito dixital, no libro electrónico, así como a difusión a través do medio audiovisual, estou pensando nos booktrailers, por exemplo, que son un magnífico medio para a promoción das obras literarias. (…)
– NG: Como valoras a situación da literatura que ti máis coñeces, da literatura infantil? Como se atopa a literatura galega neste senso?
– CD: Temos unha moi boa literatura infantil e xuvenil, extraordinariamente rica e variada. Contamos con escritores de prestixio dentro e fóra da nosa terra, cunha obra importante, en moitos casos recoñecida internacionalmente. E tamén con editoriais que publican obras de gran calidade, especialmente para os lectores máis novos. Hai abundancia de propostas literarias. A literatura infantil e xuvenil é ademais o motor de moitas editoriais, grazas á que sobreviven e poden levar adiante outros proxectos. (…)”