Xabier P. DoCampo: “Os xornais teñen que volver a publicar literatura”

EntrevistaXabierDoCampo 2 de Carme Vidal a Xabier P. DoCampo en Sermos Galiza:
Sermos Galiza conta este verán cunha sinatura de luxo. O Caderno de Agosto publicará en cinco entregas, a primeira esta quinta feira, o sorprendente relato de Xabier P. DoCampo, Operación monte de lixo, un thriller no que o autor se mergulla no mundo da corrupción.
– Sermos Galiza (SG): Que nos ofrece en Operación monte de lixo? É unha lectura para o verán?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Non distingo literatura de verán, outono ou primavera porque iso daríalle unha sensación de lixeireza que non quixen que tivese a miña historia. Trátase dun relato en cinco capítulos que resolvín dunha forma que me gustaba, toda ela a través de diálogos para que a historia saíse a partir do que os propios personaxes din. Quixen facer un pequeno “thriller” da corrupción, coa contemporaneidade do tema aínda que o tratamento sexa clásico. Tratei un tema de actualidade, a corrupción, o monte de lixo que se mantén na nosa sociedade, e non digo na política que, ao meu ver, é unha actividade nobre na que hai seres innobres. (…)
– SG: O seu relato sae nos xornais e bebe tamén das historias que aparecen nas noticias. Como é esa relación?
– XPD: Hai unha retroalimentación entre a literatura e o xornalismo. A prensa é unha maneira de saber o que sucede no mundo, o material co que traballamos os escritores. A literatura ten elementos que non ten o xornalismo de noticias e, se é boa, axuda a comprender determinadas cousas.
– SG: Que papel pode cumprir a literatura nos xornais?
– XPD: O relato curto é un dos monumentos da narrativa e está tremendamente relacionado coa publicación en xornais e revistas. En América Latina floreceu un relato curto xenial, con autores como Horacio Quiroga, Borges, Cortázar e tantos outros porque había moitas revistas que publicaban relatos. Tiña a ver tamén coas sociedades agrícolas nas que a oralidade tiña moita importancia. Na nosa literatura temos tamén obras xeniais de relato curto con autores como Fole ou Cunqueiro. Defendo que é preciso volver a publicar literatura en xornais e revistas.
– SG: Acurta a distancia entre literatura e xornalismo?
– XPD: A relación entre literatura e xornalismo é unha relación íntima. Hai momentos en que os textos teñen máis relación coa noticia urxente e a propia premura non permite o tratamento da escrita mais, fóra diso, o xornalismo é literatura. Hai reportaxes marabillosas que se len como un bo conto.
– SG: O xornal permite tamén achegarse a públicos novos?
– XPD: Tes garantido o cen por cen do público habitual, do que lería os teus libros, mais a maiores engádense outros lectores que non son compradores de libros. Fai chegar a literatura a un público que, en principio non estaba tan próximo e desenvolve un traballo didáctico extraordinario. O lector a través do relato na prensa ten que notar como a literatura o está axudando a ter unha percepción do mundo máis completa.”