Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Por causas que non vén a conto detallar agora aquí, o pasado 21 de xuño non puiden acompañar como querería o excelente narrador e mellor amigo Xabier P. Docampo na homenaxe O escritor na súa terra. Letra E que lle tributamos dende a AELG nos que son os seus eidos matriciais: Castro de Ribeiras de Lea, na cerna da Terra Chá.
Froito daquela venturosa xornada foi a publicación Pedra e Tempo, unha exclusiva plaquette de apenas dous centos e medio de exemplares numerados que o propio autor agasallou aos convidados e algúns outros contados amigos aos que a desfortuna privou de estar presentes.
Pedra e Tempo é unha moi coidada edición con capa de Xosé Cobas (parella de feito artística de Docampo dende xacando) e ilustracións de DNL.
Cinco breves minirrelatos precedidos dunha longa dedicatoria e unha petición lírica de introito compoñen esta singular publicación. Cinco historias enlazadas, onde como nunha sorte de leixaprén narrativo o último sintagma de cada relato se retoma como secuencia cabezaleira do seguinte. E todo orquestrado esfericamente, pois o derradeiro dos sintagmas da historia cabo é, por súa vez, coincidente co comezo da primeira narración, xenuína circularidade estrutural que cohesiona este anel solitario no que vai engastado o quinteto de sortellas.
O abandono dos lares rurais, o abuso clasista dos señoritos fronte aos pobres de pedir, a fraxilidade dos vagamundos para os que todo é interdición, a boipousonería dalgúns coa que malamente avanzamos, mesmo a pulsión por escapar do aprisionamento e das celas interiores que nos limitan son outros tantos temas axiais da escrita de Docampo que regresan nestas narracións, evidenciando os seus sinais de identidade e ese particular entrefebrado de realismo e fantasía que fan da súa unha voz senlleira no panorama narrativo actual. O colofón deste Pedra e Tempo lembra, oportunamente, unha sabia sentenza: quod natura est ex amore floreat cunctis diebus. Tamén eu o creo. Por iso non quero deixar de recomendar que, se por algunha vía tedes oportunidade de ter nas mans unha destas prezadas e preciosas plaquettes, admiredes o coidado na confección material, a forza das fotografías, a mestría dos sucedidos que atesoura. Como a pedra resiste ante o pasar do Tempo, tamén a verba de Xabier P. Docampo, escritor con Letra E maiúscula, perdurará para lembrarnos que as memorables historias dos creadores sempre han merecer unha homenaxe.”