Agustín Fernández Paz: “Calquera vida pode ser materia para unha novela apaixonante”

EntrevistaAgustín Fernández Paz de Carme Vidal a Agustín Fernández Paz en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): -“Cando os nosos pais desaparecen, comezamos a botar de menos non ter conversado máis con eles”, escribe no arranque da novela [A viaxe de Gagarin].
– Agustín Fernández Paz (AFP): É un sentimento xeralizado que a min tamén me aconteceu, a idea de que tiñamos que ter falado máis, das cousas que non se contaron. Meu pai morreu novo, con 56 anos, e quedaron moitas cousas sen saber. Trátase dun tema moi literario e á vez moi real. Unha ausencia forza o repaso á vida. Ten que acontecer algo esencial, forte, para que unha persoa se anime a lembrar a súa vida, como é o caso do protagonista da novela que rememora a última infancia e a mocidade, etapas fundamentais para cada un de nós. Cando escribes a novela non fas ese discurso, ten un aquel de irracional. É unha vez rematada cando lle ves o xeito. Non me decatei, poño por caso, de que entra nos canons da novela de formación. As novelas obedecen a un plan mais tamén responden a un pulo apaixonado, un inicio irracional. Trato de averiguar en que momento xurdiu A viaxe de Gagarin e non me sae algo concreto, deberon ser varias as razóns que me motivaron. (…)
– SG: Procurar esa lectura fluída é traballo de humildade?
– AFP: Non o creo. É a miña concepción literaria, escribir de maneira que ao lector non lle resulte complexo. Outros autores escriben de maneira máis escura e o seu traballo é igual de digno. O meu é optar pola transparencia o que só se pode conseguir a base de versións e cambios. O primeiro borrador sempre é espeso. Só o traballo permite crear unha obra de lectura fluída, que o libro teña ritmo e que a estrutura das cousas que pasan, a materia narrativa, estean ben distribuídas.
– SG: Despois dun proceso como o nacemento dunha novela longa, como se inicia outro proxecto literario?
– AFP: Cun proceso de descompresión. Cando creas un mundo implícaste nel, todo o que che pasa nese tempo semella estar en relación neste caso agravado aínda pola aposta do blog. Para meterme nunha nova novela ten que pasar tempo, que esta xente, os personaxes, se vaian perdendo, que desocupen a túa vida. Unha novela é como un capítulo da túa vida. Agora teño que pechar os anos sesenta, non podo volver a eles, xa lle chegou.”