Un lugar, todos os lugares, por María Reimóndez

ArtigoMaría Reimóndez de María Reimóndez na Plataforma de crítica literaria A Sega:
“Hai libros que por algunha razón pasan desapercibidos e quedan nas marxes dun sistema literario que debería acollelos coa ledicia da biodiversidade enriquecedora. Sen dúbida, a atención recibida por Aquel lugar, de Antía Nara, dista moito de ser a merecida. Este libro, publicado no ano 2007 e xa descatalogado, constitúe un elemento literario único que debería ser reeditado como unha alfaia das máis significativas dos últimos tempos. Rara vez unha novela é quen de crear un xogo de espellos de tal desacougo e profundidade política, utilizando con mestría recursos literarios que, mediante un discurso por veces aparentemente antropolóxico, conseguen descolocarnos e desacougarnos da forma máis significativa que pode facelo unha obra literaria.
Aquel lugar parte do desacougo da interpelación en segunda persoa do singular, nunha narración que sabemos que non se dirixe a nós e ao tempo si. Dende este punto de vista, a obra fálanos dende o principio, obríganos a buscar un lugar diferente de lectura. Isto permanece na cerna da trama que se nos presenta, a dunha muller (ese ti ao que se fala e que por veces fala de si) nacida nun lugar facilmente recoñecible como unha aldea perdida do interior de Galicia, que busca a súa outra e igual no aparentemente afastado Paquistán. A obra desmonta dende a primeira páxina as expectativas exotizantes da narración da outra, ao poñernos cara a cara cun discurso antropolóxico que se utiliza para narrar o que evidentemente é o noso contexto, e non o alleo. Así, a aldea galega, facilmente recoñecible na súa estrutura e trazos, denomínase como Al-Luaira, na que existe un zamindar, a xente que retorna da capital as fins de semana e unha violencia implícita cara ás mulleres que permanece invisible no cotián, pero que axiña se torna evidente cando se deita sobre ela unha mirada aparentemente externa. (…)”