Agustín Fernández Paz: “Debemos pórnos como meta escribir tan ben coma os mellores”

EntrevistaAgustín Fernández Paz a Agustín Fernández Paz en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A viaxe de Gagarin é un relato ambientado na década do 1960 cuxo protagonista é un rapaz que tiña unha idade semellante á súa naquel tempo. É un libro nacido da súa autobiografía?
– Agustín Fernández Paz (AFP): A proximidade entre a idade do protagonista e a miña é un dos factores que inflúen na escolla do tema pero non é o único. Aquela década, na que eu alcanzo a mocidade, penso que ten algo de representativo para toda a sociedade actual, que hoxe vivimos a vida que comezou a espreguizar naquel tempo. Foi a época da liberación da muller, que empezou grazas aos electrodomésticos que lle facían a vida máis agradable, e acabou cunha reivindicación social máis ampla de igualdade. Dos movementos sociais, de París a Praga. En pouco tempo pasaron moitas cousas que influíron no mundo actual: as guerras de Vietnam e a dos Seis Días entre Israel e os seus veciños; a carreira espacial que amosou publicamente a competencia entre a URSS e os EUA; a extensión da loita revolucionaria do Che Guevara a África e América do Sur… E entrementres, en España viviamos nunha ditadura, moi reprimidos e condicionados polo poder totalitario. Moito máis do que a xente de hoxe imaxina, en parte porque callou a idea de que o franquismo era algo así como o que sae na serie de “Cuéntame”. (…)
– B: Como é o seu sistema de traballo?
– AFP: O primeiro é a idea. Pero non funciona coma unha faísca. Eu anoto, anoto moitas cousas pero non necesariamente considero eses apuntamentos como unha bolsa de ideas de novela. Mais logo hai un pensamento que si funciona como punto de partida. Non é un sucedido ao xeito dese tópico do amigo que te encontra e che narra algo que empeza: “con isto que che conto podes facer unha novela…”. Coido que é máis importante a mirada, aquilo que non pasa para todo o mundo, aquilo que só pasa para ti. E é nese momento cando recompilo, agrego ou enriquezo esa primeira semente con cousas que tiña pensadas de antes. O interese sobre o tema escollido vai medrando dunha maneira irracional. Na seguinte fase leo moito sobre o tema. Hai novelas que requiren moita documentación mais incluso nas que non o precisan, intento mergullarme nos temas que van aparecer nela. A partir de aí vou definindo os personaxes, fago fichas biográficas de cada un deles e incluso deseño dun xeito esquemático secuencias que quero que aparezan no libro.
Esa primeira fase remata co primeiro manuscrito. Eu sempre escribo a man e en cadernos de follas amarelas. Esa primeira redacción é coma un xorro da auga dunha fonte, rápido e continuo. Non me preocupo nesa altura nin do estilo nin da coherencia, nin sequera das descricións. Cando chego a un punto no que teño que contar como é unha casa, por exemplo, poño entre parénteses: aquí conto como é a casa e sigo para adiante.
Unha vez que teño ese manuscrito, empeza o traballo de verdade. Paso no ordenador a primeira versión e imprímoa. Ármome de rotuladores de cores e peneiro cada folla a conciencia, até que o mecanoscrito está practicamente cuberto de tinta vermella. Con esas correccións fago unha segunda versión e volta a empezar. Polo xeral, como mínimo fago seis versións antes de que no mecanoscrito, logo da corrección, apenas aparezan subliñados. (…)
– B: E que autores o marcaron a vostede?
– AFP: Houbo nomes moi influentes nalgún momento da vida que logo pasaron a un segundo plano. Na literatura xuvenil é quizais onde se fixaron máis os traballos dos clásicos modernos, que descubrín hai 30 ou 40 anos: Roald Dahl, que é un escritor único, está no alto. Canda el, Gianni Rodari, Ursula Wölfel, Alice Vieira, Michael Ende, Juan Manuel Gisbert e Christine Nöstlinger. Entre os escritores canónicos, sempre me acompañan Franz Kafka, José Ángel Valente, Álvaro Cunqueiro, Manuel Puig, Julio Cortázar, Xosé Luís Méndez Ferrín… (…)”