Entrevista a Xosé Manuel G. Trigo en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Que se atoparán os lectores na súa novela [Raíñas no meu xardín]?
– Xosé Manuel G. Trigo (XMGT): Agora que podo obxectivizala un pouco me parece un manual de ensoñanzas. Colle unha dirección distinta aos xéneros máis en circulación neste momento, como a novela negra, a erótica, a romántica e a templaria. É un libro de ensoñación no que predominan os efectos imaxinativos e a vontade de crear un libro de culto á propia persoa. Pero mantén unha dialéctica coas asperezas e adversidades do mundo deste momento, como pode ser o estado da economía ou a fronteira que temos entre un mundo que parece que vai morrer, pero non acaba de facelo, e outro que parece que vai nacer. (…)
– FdV: Hai lectores en galego suficientes para tanta produción?
– XMGT: Ás veces se publica demasiado. Hai xente que publica todo o que escribe. A afirmación de que o lector morreu paréceme esaxerada, pero é certo que hoxe o lector convencional está nas series televisivas. É un consumidor voraz de historias e hai que recoñecer que as mellores historias as elaboran os equipos de guionistas cada vez con máis talento. As series merecen, como xénero narrativo, un crédito e moitas delas son moi plausibles, hai verdadeiras obras de arte e quizais houbo un desvío do consumo narrativo literario. Descende tamén a formación do lector. O sistema educativo non produce lectores.”