Ledicia Costas: “A miña primeira novela escribina con 14 anos”

EntrevistaLedicia Costas de César Lorenzo Gil a Ledicia Costas en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Escarlatina é unha viaxe ao mundo dos mortos pensado para rapaces. Mortos cheos de humor pero que feden mal, que apodrecen. Como manexou o pudor de falar de determinados temas para o público infantil?
– Ledicia Costas (LC): Non. Non teño pudor cando escribo. Nos libros, tamén nos infantís, o único que hai que ter en conta é o respecto cara aos lectores. Non debemos pór barreiras ou limitar que temas son ou non son para nenos. Este é un libro de humor macabro. Quixen desmitificar a morte, falar dela con naturalidade e graza. Estraño aquelas historias de terror humorístico ou humor terrorífico que lía cando era pequena… O pequeno vampiro, por exemplo. (…)
– B: Como é o seu método: escribe todos os días?
– LC: Todos os días, ao redor de oito horas en cada xornada. Son moi metódica pero non escribo segundo un plan definido. Gústame ir construíndo a historia a medida que a vou escribindo. É o mellor xeito de que siga a ser divertido escribir. Pero tamén sei que o éxito para unha escritora, é dicir, conseguir escribir o libro que queres escribir, só se consegue con esforzo, con horas e horas diante do texto; primeiro creando e logo corrixindo. A corrección é o que menos me gusta do meu traballo pero é un labor ao que lle dedico moito tempo. Chega un momento no que xa practicamente sei de memoria o texto dos meus libros e até me farta telos diante e estou desexando mandalos á imprenta e esquecelos. Antes lía os libros unha vez publicados e incomodábame porque vía que aínda había cousas que se poderían ter corrixido. Escarlatina é o primeiro que non lin. (…)
– B: Tamén probou a escrita a catro mans con Pere Tobaruela. Que diferenzas encontrou a respecta da creación individual?
– LC: A principal, que non se pode improvisar nin ir creando sobre a marcha. No traballo colectivo cómpre cinxirse a un guión previo e ir cumprindo cada un a súa parte. Foi unha iniciativa de Tobaruela e prestoume bastante inventar canda el esas historias negras para rapaces.
– B: As autoras de literatura xuvenil ou infantil adoitan ter maior contacto cos lectores grazas ás visitas aos centros de ensino. Tirou ideas destes encontros para futuros libros?
– LC: Tanto coma iso non. Falar cos rapaces é moi interesante para saber por onde respiran, que lles interesa, como esperan que sexan os personaxes das novelas. Aínda así, os meus libros son bastante libres. Gústame saber que opinan os lectores pero o principal é crear sen receitas, asumindo riscos. (…)”