Entrevista de César Lorenzo Gil a Alejandro Tobar en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A tradución é un dos alicerces de calquera sistema literario. En galego custa moito crear un mercado estable para os libros foráneos. Que cre que falla? Que se pode facer para melloralo? Que papel lle toca ao Goberno?
– Alejandro Tobar (AT): Na sociedade galega coa que eu fantasío, os libros en galego son inmensa maioría, e non hai lector que, en similares condicións, recorra antes a unha tradución en castelán ca a unha en galego. Non ten sentido que unha lectora galega calquera, por exemplo, se interese por comprar Miguel Strogoff, Canción de Nadal ou 1984 en castelán cando existen boas e coidadas versións destas obras na nosa lingua De feito, como comportamento é disparatado e daniño. Ora ben, sucede que esa lectora a miúdo descoñece que en galego dispomos desas e de infinidade doutras importantes obras. Esta circunstancia vén motivada por diversos factores, algúns realmente graves, como o feito de que padezamos un goberno que no ámbito lingüístico voga á contra, que carezamos por completo dun plan lector, dunha estrutura de promoción e dotación das bibliotecas, dun modelo de creación dunha engrenaxe editorial seria. O actual sistema de subvencións, lonxe de consolidar o mercado de tradución ao galego, desvirtuouno.
Hai outros defectos: que as máis das librarías non se preocupen de contarlles aos interesados que de tal ou cal libro que buscan hai versión galega; que a Asociación de Tradutores Galegos sexa ninguneada ano tras ano; que a Facultade de Tradución de Vigo non se anime por fin a facer unha subscrición coas editoriais de tradución do país –que lle suporían 500-800 euros ao ano por recibir a produción editorial traducida de Kalandraka, Rinoceronte, Galaxia, Urco, Xerais…? Fariámoslles prezo, con certeza–; que non haxa unha masa social potente que dea un golpe na mesa e lea dunha vez na lingua que lle corresponde por ser de onde é, en fin: o cambio ten que ser de raíz. Con todo e iso, resistimos.
– B: Vostede publicou un libro (Cremalleiras, Tris Tram, 2008). Segue a escribir?
– AT: Si, algo escribo, pero sen ínfulas de ningún tipo, é dicir, só por pracer, para exercitar a mente e para despois o gardar nun ficheiro e deixalo aí aparcado, nas entrañas do portátil. Gozo moito coa escritura e coa lectura, a verdade. (…)”