Na nova biblioteca de Carballo, por Cesáreo Sánchez Iglesias

ArtigoCesáreo Sánchez Iglesias de Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
Inaugurar unha biblioteca pública é un profundo acto de amor para co noso idioma, é un profundo acto de amor á humanidade e é un acto de irrenunciábel esperanza. É, en fin, chantar os íntimos alicerces onde asentar as pedras basilares da arquitectura da nación que soñamos.
A biblioteca é coma un grande corazón no que os libros que irán enchendo os seus andeis son o torrente sanguíneo do saber, son eses fermosos obxectos que conteñen as vellas verdades universais e tanto labor en mancomún: a condición ética que nos move.
Unha biblioteca, aínda que feita en clara e fermosa arquitectura, sempre é un casal antigo, pois é gardador das fontes claras da memoria do home, tamén da nosa.
As escritoras e os escritores galegos somos tamén en grande parte fillos das bibliotecas. Delas recibimos hábitos de lectura, nelas aprendemos a compartir e, co pasar dos años, a elas, ás bibliotecas, entregamos os nosos froitos, os froitos do noso traballo na voz inextinguible do noso idioma, onde os materiais do espírito humano vivirán en historias e personaxes capaces, en palabras de Faulkner, de axudar aos galegos a lle alixeirar o corazón lembrándolle a esperanza, o orgullo de Sermos Nós e a solidariedade coma palabra necesaria da dorida realidade do noso tempo.
Esta biblioteca acollerá a historia de Carballo que, inscrita con letras de ouro, forma parte da historia da Nosa nación, acollerá os libros dos seus fillos e fillas ilustres. Mais nela tamén aprenderán os rapaces e rapazas a ler a liña da vida nas mans labregas, amorosas, populares que defenderon Baldaio, que nos defenden en Corcoesto.
Hai momentos da historia dun pobo onde a súa dignidade está mais mans de mulleres e homes que defenderon fértiles areais e a Terra de noso, xenerosa amada que é coma defender a nación toda.
O verdadeiro ouro da Nosa Terra é o noso idioma, os libros que dende hoxe habitan esta fermosa biblioteca.”