Entrevista de Montse Dopico a Xabier Quiroga en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Zapatillas rotas fala, como todas as túas anteriores novelas, do poder e da súa capacidade esmagadora para a xente de abaixo. Desta volta, o foco está posto na manipulación mediática. Por que? (Xa en Se buscabas un deus falabas moito do tema dos medios e o poder).
– Xabier Quiroga (XQ): Certamente todas as miñas novelas teñen ese punto de denuncia do sistema como represor ou controlador da vida dos mortais do común. Se cadra ata é unha teima. Pero se matinamos un chisco, veremos que a manipulación mediática constitúe unha realidade coa que nos acostumamos a convivir e da que resulta imposíbel librar, porque, pregunto eu, quen libra dos que mandan cando estes teñen todos os medios aos seu dispor para dirixir a maquinaria que os protexe? O sistema son persoas, non o esquezamos, e estas semellan trasladar o seu medo aos demais cunha férrea e poderosa rede manipuladora que hoxe en día pasa polos medios de control de masas. Se eu pretendo amosar a realidade é porque se trata dun feito que está aí. (…)
– MD: Os protagonistas son un señor con alzheimer e un parado. A situación económica do segundo, -orfo desde neno, criado pola avoa, que era pobre-, condiciona totalmente, aos ollos da sociedade, a interpretación da relación entre eles. É un xeito de facer unha crítica dunha sociedade que olla distinto á xente segundo a súa posición económica?
– XQ: Por suposto. Pero trátase dun dos xeitos que hai entre milleiros de xeitos aos que podemos acollernos os que escribimos para censurar comportamentos nada edificantes. Tamén debo dicir que a escolla dun vello e un parado, figuras moi representativas desta crise que nos asoballa por abaixo mercé aos que se enchen por arriba, quizais leve, neste intre de penuria, a ver os feitos de cada día cunha mirada bipolar: a que se solidariza con eles porque é o pan de cada día e en calquera momento pode tocarnos a nós, e a que se rebela e berra contra o que nos pasa e nos repasa e do que estamos fartos porque chega o momento, como lle chegou ao señor Xaquín nun intre da súa vida, de rachar as cadeas sen importar as consecuencias, simplemente porque temos a razón da nosa parte e ás veces a violencia está máis que xustificada nos adentros. (…)
– MD: En canto á maneira na que está contada, a novela ten un narrador, bastante diálogo, e algo de investigación policial aínda que non é iso o que realmente che interesa. Como pensaches a estrutura?
– XQ: Se dicimos investigación policial alguén pode pensar que se trata dunha novela negra. Nin por asomo. En canto á súa estrutura, antes dixen que saíu o que saíu, pero non exactamente o que cavilei nun principio. Incluso ese marcado contrapunto de varios personaxes e varias situacións a converxer paseniño no remate veu despois de iniciada. Acontece que ti empezas a escribir cunha idea de novela, pero logo, co paso das páxinas e das circunstancias que trazas porque che veñen ao maxín, vas modificando e axustando ata dar cunha estrutura que cres adecuada pero que nin sequera con esa crenza estás seguro de atinar. Escribir tamén é dubidar e, en fin, neste caso podo confesar que mesmo percibía a novela como complexa de máis como para ofrecerlla a unha editorial ou intentar que se lle ofrecese ao público. (…)”