Cuestionario Proust: Andrea Maceiras

DesdeAndrea Maceiras o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Andrea Maceiras:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A curiosidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade e a coherencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me acepten como son.
4.– A súa principal eiva?
– A timidez, a introversión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Crear. Ler. Viaxar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar sempre de camiño cara algures.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A falta absoluta de esperanzas, tal e como Dante describe a entrada do seu inferno.
8.– Que lle gustaría ser?
– Sabia (se podo pedir calquera cousa).
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo, aínda que con mudanzas. Ou nalgunha illa.
10.– A súa cor favorita?
– As do outono.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As flores cotiás que a xente cultiva por fermosas e que agochan segredos insospeitados e perigosos: azaleas, narcisos, adelfas…
12.– O paxaro que prefire?
– O que fica durante o inverno. O paxaro de Emily Dickinson, que non emigra cara o sur.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son de devocións. Na prosa busco que sexa envolvente: a conxunción plena das partes que converte a unha obra en única e singular, de forma que non é posíbel saber como está construída.
14.– E na poesía?
– Na poesía procuro a intensidade.
15.– Un libro?
– Aquel que me fai comprender a realidade dun modo diferente.
16.– Un heroe de ficción?
– Edmond Dantès.
17.– Unha heroína?
– Jane Eyre.
18.– A súa música favorita?
– Rock.
19.– Na pintura?
– Os prerrafaelistas, especialmente J. W. Waterhouse.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as persoas que, a pesar de todo, non se renden e conseguen facer moito con moi pouco. A xente da miña xeración que, malia as circunstancias, ten valor para loitar, emprender e seguir adiante. Os xenios que nacen en lugares remotos e que con ferralla son quen de fabricar prodixios que cambian a súa vida e a de quen os rodea. A quen é capaz de manter a ilusión e proxectala.
21.– O seu nome favorito?
– Non teño.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mala educación froito da prepotencia.
23.– O que máis odia?
– A falta de liberdade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Dictadores, opresores, corruptos…
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da adiviñación.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Cun lampo que me amosase, no seu breve resplandor, algunha verdade última e descoñecida.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Afanosa.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que non denotan malicia ou os que causan máis dano a quen os posúe que aos demais.
30.– Un lema na súa vida?
– Desexar, como Kavafis desexa, que sexa longa a viaxe a Ítaca.”