Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Afonso Eiré:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O ímpeto, aínda que o paso do tempo foimo amainando.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia entre o que se di e o que se fai.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Saber que os tes aí, nada máis e nada menos.
4.– A súa principal eiva?
– Ser moi confiado.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir e, para o lecer, ir de viños, que non é o mesmo que “ir beber viño”.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar ao xeito cos que eu quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Quedar só no meu mundo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Petrucio en Riopedroso, a miña aldea.
9.– En que país desexaría vivir?
– No meu País… coas arelas cumpridas.
10.– A súa cor favorita?
– Os verdes, teño nome para 24 deles.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A da mazaira do inverno.
12.– O paxaro que prefire?
– A rula…, tiven unha á que lle abría a porta da xaula e, un día, non volveu.
13.– A súa devoción na prosa?
– Francisco de Quevedo, un “xornalista” cheo de humor.
14.– E na poesía?
– Manuel María, cos pés na Terra.
15.– Un libro?
– Non sería quen son se non tivese lido de rapaz o Sempre en Galiza e Memorias dun neno labrego.
16.– Un heroe de ficción?
– Balbino.
17.– Unha heroína?
– Casandra.
18.– A súa música favorita?
– A folk.
19.– Na pintura?
– Luís Seoane.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Medrei con dous: O Piloto (o guerrilleiro) e Xoán Acuña (Porteiro). Quería ser os dous.
21.– O seu nome favorito?
– Rosa.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A crueldade.
23.– O que máis odia?
– Se odias máncaste a ti mesmo. Aborrezo aos lambecús.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Francisco Franco, pois aínda padecemos os seus actos.
25.– Un feito militar que admire?
– O levantamento de Galiza contra Napoleón, foi a súa primeira derrota.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cantar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De moi vello e logo de beber unha cunca de viño coma meu avó.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que son unha influencia da sociedade.
30.– Un lema na súa vida?
– Mentres loitas, vives.”