O xurado do XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido na tarde de onte, acordou seleccionar como obra gañadora deste ano a titulada Ruído de trens, do autor catalán Eduard Velasco (aínda que presentada ao certame baixo o pseudónimo de Paca Montaraz). Na acta do xurado, formado por Gonzalo Hermo, Mariña Pérez Rei e Carlos Quiroga, reflíctese que discusión final do premio incluíu un intenso debate sobre varias obras entre as que salientaron, amais da gañadora, as presentadas baixo os lemas Xarda e Malãkh. A entrega do premio está prevista para o sábado 15 de novembro nun acto que se celebrará ás 20 horas na sede do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. (…)
Amais de desvelar o nome do gañador desta nova edición do Premio Pérez Parallé, o xurado acordou reflectir en acta o seu rexeitamento “á censura normativa pola que veñen sendo vitimados galegos e galegas que viven a súa lingua como sendo común coa doutras sociedades”. No caso dos premios literarios, “a calidade artística das propostas non debe ser desconsiderada por seguir unha escolla diferente da pretendidamente oficial para a nosa lingua”, polo que, aseguran, aplicaron este criterio na súa avaliación dos traballos presentados á convocatoria de 2014.
Ademais, acordaron adherirse á campaña “Galego em liberdade”, suxerindo aos organizadores deste premio –e eventualmente de todos os premios literarios de Galiza- que incorporen ás súas bases a non discriminación por cuestión de norma ou modelo lingüístico, “contribuíndo a que as actitudes censoras fiquen como unha reliquia do pasado”.
O Premio Nacional de Poesía, que convoca anualmente o CMI Unidade de Fene estableceuse en homenaxe ao poeta Xosemaría Pérez Parallé, tras o seu pasamento ocorrido en 1987. Desde o ano 2005 o Concello de Fene colabora coa convocatoria do certame, que premia un libro de poesía de autor/a inédito. O libro gañador publícase na prestixiosa editorial Espiral Maior, que conta coa máis extensa colección de poesía da historia da literatura galega. Ademais, desde hai uns anos, o premio incorpora para o gañador ou gañadora unha escultura de cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé e mais unha pequena dotación económica que este ano se incrementou a 1000 €. (…)”