Xurxo Souto: “Que o mundo do mar sexa invisíbel é unha gran estafa”

EntrevistaXurxo Souto de Carme Vidal a Xurxo Souto en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Libro de narrativa máis vendido do verán e máis de trescentas persoas nalgunha das presentacións. Que ten Contos do mar de Irlanda para chamar así á xente?
– Xurxo Souto (XS): Na presentación, os verdadeiros protagonistas son os mariñeiros, os patróns. Vívese unha emoción compartida. En Corrubedo, poño por caso, o protagonista do acto foi o patrón José Graña, a quen lle cantamos un corrido colectivo. Nese acto unha muller levantouse e dixo que aquilo non era unha homenaxe a Graña senón a todas as mulleres e homes do mar de Corrubedo. Encantoume.
Parece que todo está inventado mais todo está por facer, tamén na difusión do libro. Cando me dixeron que ía saír no mes de xullo pensei que o lóxico era agardar a setembro para presentalo mais o que aconteceu é que a xente de mar volve ás ribeiras no verán. Son lugares aos que normalmente non se levan actos literarios e teñen unha vida emocional e cultural extraordinaria. A todas esas vilas fun reclamado polas historias que conto, Corrubedo, Corme, Bueu… porque alí estaban eles, os protagonistas do libro. Presentar un libro en Compostela ou A Coruña é magnífico mais nestas vilas do mar convértese nun gran evento se o protagonista é do lugar. A emoción compartida dos veciños é única. (…)
– SG: Como el, os percebeiros Paco Souto ou Suso Lista, do mar á escrita…
– XS: A potencialidade estética do mar é absoluta. O realismo máxico de Álvaro Cunqueiro non se trata de contar trucos senón de ser consciente de que vivimos en magnitudes que nos superan. Paco Souto, grande poeta, acabou sendo percebeiro e convive en plenitude coa natureza. Suso Lista con Salseiros transmite a emoción da persoa co seu labor.
– SG: Tamén á contra, escritores que foron ao mar como Valentín Carrera, Xavier Queipo, Jacobo Barros ou Xabier Paz e escribiron as súas experiencias.
– XS: Os ausentes de Castelton de Jacobo Barros foi reveladora. Todo está nesa novela, a dimensión astral do ser humano. A violencia, a tensión, a condición humana. As novelas de Xabier Paz teñen alento e fondura, como as de Queipo ou Carrera. Eu optei por escribir do mar desde a miña condición terrícola. Defendo que non é impescindíbel subir a unha marea do Gran Sol para contar historias do mar. (…)”