Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xulio Pardo de Neyra:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Todas as que implican calidade persoal.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade, iso tan difícil de achar.
4.– A súa principal eiva?
– A insistencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ser amante, pai e lucense, por esta orde.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir nun mundo onde se practique o respecto, a seriedade e a legalidade, onde as persoas sexamos libres e iguais en dereitos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sentir dor ou ver como o sente quen amo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Nunca soñei con ser outra persoa distinta da que son, só con mellorar o que traio de serie. Gustaría, iso si, de ser un bon intérprete de música: violinista ou pianista estaría ben…
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza onde prime o rigor, a fidelidade a nós mesmos e mesmas e a intelixencia.
10.– A súa cor favorita?
– A amarela.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia e a xesta branca.
12.– O paxaro que prefire?
– A águia real, por iso da devoción cara á simboloxía familiar.
13.– A súa devoción na prosa?
– Entre outros e outras, obras de Bataille, Chékhov, Deleuze, Cortázar, Otero Pedrayo, Joyce, Pizán, Bisiou, Woolf, Lampedusa e Isabel Pedrosa funcionaron, nalgún momento, como aliadas miñas. Mais non son eu moito de símbolos, relixións e devocionarios.
14.– E na poesía?
– Posto a elixir, podería citar o corpus medieval galego, Neruda, García Lorca, Cernuda, Vallejo, Méndez Ferrín, Mallarmé, Rubén Darío, Blanco-Amor ou Storni.
15.– Un libro?
– É moi difícil citar un só libro, mais agora veñenme á cabeza os Sonetos líricos de Quevedo e El hondero entusiasta de Pablo Neruda.
16.– Un heroe de ficción?
– Se apelo á mitoloxía clásica, Προμηθεύς, Prometeo; se penso na literatura contemporánea Leopold Bloom, Poldy.
17.– Unha heroína?
– Seguindo o mesmo patrón anterior, Πηνελόπη, Penélope; e Adela, de La casa de Bernarda Alba.
18.– A súa música favorita?
– A de Chopin, Debussy e Listz; a de José Castro Chané, Freire Penelas e Bal e Gay; a popular galega sempre.
19.– Na pintura?
– Klimt, Tamara de Lempicka, Mondrian, Barradas, Seoane, Díaz Pardo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todo aquel e toda aquela que verdadeiramente actúe defendendo a liberdade integral da persoa, mais por agarimo e fidelidade familiar podería falar dos meus próximos devanceiros Cachamuíña e Pepe Benito Munín, os libertadores de Vigo.
21.– O seu nome favorito?
– Pili.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de dar consellos.
23.– O que máis odia?
– A ignorancia e a estupidez humanas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Son tantos os ditadores, imperialistas e integristas que seica son “figuras históricas”, que podería estar medio verán a nomear xente.
25.– Un feito militar que admire?
– A verdade, non admiro ningún dese tipo de feitos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da intelixencia social, que eu relaciono ás veces moi de preto coa hipocrisía ou unha certa habilidade baleira de compromiso.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Tranquilo, con todo o siso, sen dor e a poder ser pasados os cen anos. Ah, se é durmindo mellor!
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Inquieto, con moita moita inquietude en todas as súas variantes.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos aqueles que teñan a ver co amor.
30.– Un lema na súa vida?
– Podería lembrar o que decote pronunciaba Hartt, personaxe de Illa do Atlántico de Waldo Frank, mais creo que na nosa casa funciona mellor o propio, así que cada can que lamba o seu carallo.”