Desde Cultura Galega:
“O blog Ler en mancomún acaba de publicar unha listaxe das obras máis lidas nos clubes de lectura das bibliotecas escolares do noso país. Segundo os datos achegados por 209 destas entidades, O curioso incidente do can a media noite de Mark Haddon é o que máis aceptación tivo, xa que se leu, nas súas versións en galego, castelán e inglés, nun total de 19 clubs. Ségueo a pouca distancia O neno do pixama a raias de John Boyne (18) e a pouca distancia dous autores galegos, Domingos Villar con A praia dos afogados (16) e Agustín Fernández Paz con Cartas de inverno (14).
En total, dos dez títulos máis seguidos, 5 son de autores galegos. Canda aos dous mentados, Xulia Alonso, Marcos Calveiro e Pedro Feijoo foron os seleccionados, en competencia con clásicos com J. D. Salinger, José Mauro de Vasconcelos ou a serie Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly. Na maior parte dos casos optouse polas versións en galego das obras para traballar con elas.”