Cinco títulos galegos entre os dez máis lidos nos clubs de lectura do ensino

Desde Cultura Galega:
“O blog Ler en mancomún acaba de publicar unha listaxe das obras máis lidas nos clubes de lectura das bibliotecas escolares do noso país. Segundo os datos achegados por 209 destas entidades, O curioso incidente do can a media noite de Mark Haddon é o que máis aceptación tivo, xa que se leu, nas súas versións en galego, castelán e inglés, nun total de 19 clubs. Ségueo a pouca distancia O neno do pixama a raias de John Boyne (18) e a pouca distancia dous autores galegos, Domingos Villar con A praia dos afogados (16) e Agustín Fernández Paz con Cartas de inverno (14).
En total, dos dez títulos máis seguidos, 5 son de autores galegos. Canda aos dous mentados, Xulia Alonso, Marcos Calveiro e Pedro Feijoo foron os seleccionados, en competencia con clásicos com J. D. Salinger, José Mauro de Vasconcelos ou a serie Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly. Na maior parte dos casos optouse polas versións en galego das obras para traballar con elas.”

A Coruña: actividades do xoves 4 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o xoves 4 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, ubicada, como cada ano, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que permanecerá aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

18:30 h. Presentación da obra gañadora no Premio Barriga Verde 2010, para textos dirixidos para monicreques (modalidade infantil), titulada Fábula galénica, obra de Inacio, escritor, director e fundador da compañía de monicreques Fantoches Baj, que, ao tempo, fará unha lectura narrada da súa obra para os máis pequenos.
19:00 h. Carlos Vázquez Padín asinará exemplares do seu libro Galeguismo e liberdade. Propostas para o século XXI, publicado por 2.0 Editora, na colección Supertextos.
19:30 h. Presentación da novela Noah Barleywater escapa da casa, de John Boyne, publicada por Faktoría K. Participará no acto o tradutor do libro, Carlos Acevedo, e un representante da editorial.
20:30 h. Galaxia presenta o libro Cociñando ao pé da letra. Participarán no acto Yolanda Castaño, Andrea Costas, coordinadoras do mesmo, Víctor F. Freixanes, en representación da editorial, e dous escritores que cociñan no libro: Xabier P. DoCampo e Lucía Aldao.
21:00 h. Miguel Sande asinará exemplares do seu libro A vida fóra, publicado en Galaxia.