Entrevista a Siro López en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Valentín Paz Andrade e vostede mantiveron un debate escrito sobre a influencia de Gulbransson en Castelao. ¿Onde radicaban as discrepancias?
– Siro López (SL): As influencias alleas na obra artística de Castelao non foron estudadas ata hoxe, aínda que Seoane en Castelao artista xa dixera que o carácter sintético dos seus deseños ten moito que ver co dos debuxantes da revista alemá Simplicissimus, sobre todo do noruegués Gulbransson. Eu abordei o tema no ano 1978, na revista Grial, cun traballo titulado Simplicissimus, Gulbransson e Castelao; un texto claramente eloxioso para o noso paisano, que, malia vivir lonxe dos grandes centros culturais e artísticos, coñeceu e seguiu o que se estaba a facer en Europa. Valentín Paz Andrade non o entendeu así e púxome a caldo no libro Castelao na luz e na sombra. Respondinlle a través de Grial, demostrando que eu tiña razón, e pediume desculpas, ante Díaz Pardo, en Pontevedra, nunha mesa redonda na que os tres falamos de Bagaría. Sorprendentemente, anos despois, en 1983, no catálogo da exposición feita polo ministerio de Cultura en homenaxe a Castelao, volveu cuestionar esa influencia. (…)
– LVG: Que legado del segue vixente?
– SL: Na miña opinión, Castelao non foi xenial en nada, pero foi un creador de enorme talento, moi ben aproveitado. Non era novelista, pero fixo a mellor novela da súa xeración; non era autor teatral, pero fixo unha obra imperecedoira; non era narrador, pero Cousas e Retrincos son xoias da literatura galega e seríano de calquera literatura do mundo; as viñetas de Cousas da vida chegaron de tal xeito ao pobo, que «sonche cousas da vida por Castelao» se converteu nun dito na fala popular; o Álbum Nós podería figurar na máis selecta antoloxía das grandes obras do humor gráfico europeo; os álbums de guerra, malia estar feitos cando estaba case cego, son o mellor testemuño plástico do horror da Guerra Civil; os debuxos de negros, as cruces de pedra, Sempre en Galiza? Todo canto Castelao fixo ten grande calidade. (…)”