Antón Riveiro Coello: “O home que escribe para cambiar o mundo”

ReportaxeAntón Riveiro Coello en La Voz de Galicia sobre Antón Riveiro Coello:
“«Sigo a escribir na construción de castelos no aire para que outros os habiten». Con esta frase describe Antón Riveiro Coello a súa paixón. É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual, aínda que o seu romance ca escrita comezou de forma tardía. Tivo que namorarse para descubrir o seu talento e daquela xa cumprira as vinte primaveras. Conta o escritor que sempre foi un neno creativo, pero o que lle interesaba era a música e, máis concretamente, o rock. Cando coñeceu a súa muller e comezou a escribirlle cartas de amor e mesturou nelas os máis fermosos versos. Animouse a presentar un relato a un certame e xa non houbo volta atrás. Dende entón vive para escribir, aínda que o compaxina co seu traballo como funcionario da Administración. «Vivir só da miña paixón é complicado. Gustaríame moito, pero creo que tería que prostituírme e escribir sobre temas máis comerciais que quizás non sexan os que máis me apetecen. Deste xeito non estou tan condicionado polo mercado». (…)
Asegura Riveiro Coello que o que busca é seducir ao lector, e actualmente traballa nunha novela extensa. Trata sobre as novas xeracións que se atopan cos problemas da crise e que tantas dificultades teñen para acceder ao mundo laboral. A protagonista, unha rapaza de trinta anos, ten que traballar no que pode para sobrevivir. O escritor afirma que aspira a cambiar o mundo con cada letra que escribe, ou polo menos a cambiar algo no lector. Na mesa do seu escritorio hai trinta ou corenta libros e un dous últimos que leu titúlase Instrucións para tomar café.
Non é precisamente na cafeína onde este prolífico creador atopa a inspiración: «Só necesito ter boa saúde e poucas preocupacións; se teño algún problema importante non podo concentrarme». A Antón Riveiro Coello preocúpalle, pero para ben, o proxecto Barbantia que intenta dinamizar culturalmente a comarca. O seu gran reto é escribir a mellor novela do mundo, porque só con esta meta pódense facer grandes obras,
Tamén é amante da música e, como el mesmo explica, «a carreira de artista de rock abortouse o día que a miña compañeira ficou durmida mentres lle tocaba una fermosa canción composta ex profeso para ela». A literatura pasou a estar nun primeiro plano para o autor e grazas a este gracioso episodio hoxe os lectores poden gozar con cada unha das súas obras.”