Entrevista de Montse Dopico a Fran P. Lorenzo en Praza:
“(…) – Praza (P): Os artigos que escribes no teu blog son literatura. Mais non se sabía que tamén escribes novela. Por que?
– Fran P. Lorenzo (FPL): É verdade, sabíao só moi pouca xente. Non quería amosar nada ata que estivese convencido. A novela levaba anos na miña cabeza, mais necesitaba que chegase o momento en que o resultado me valese. A ficción supón afrontar un plus de responsabilidade, non é o mesmo que plasmar as túas observacións nun artigo. E non digo por iso que un artigo sexa menos. Mais o esforzo de armar unha novela é maior. Estiven catro anos traballando nela, aínda que comecei a pensala moito antes.
– P: O de facer novela rosa non debe ser casualidade. Se cadra tamén é unha maneira de reivindicar a presenza dese xénero na nosa literatura. Hoxe faise de todo, sería inxusto dicir o contrario. Mais si é un tipo de historia pouco valorada…
– FPL: Quería facer unha novela rosa pola súa condición popular e para contar unha historia homosexual. Non había na nosa literatura unha novela rosa de amor gai. E si creo que hai complexos, con certos xéneros ou tipos de historias. Ademais, a novela rosa estivo na miña educación sentimental. É o que se le na casa de Álvaro, antes de que el coñeza a Bruno, que lle mostra outro tipo de libros. É o que lía a maioría da xente nesa época. E, si, eu reivindico a novela rosa na súa dobre acepción, de novela de kiosko, e fronte á visión elitista e académica da cultura, que non se dá só aquí, senón en todos lados. Quixen facer algo que movese a fibra. E isto entronca co melodrama, coas paixóns, coa falta de pudor…, mais tamén te sitúa no límite, porque podía caer no sentimentalismo. Consultei a colegas que leron a novela antes de publicala. E dicíanme que quedou no punto xusto…
– P: Gañaches o premio Blanco Amor coa novela. Contabas que o que imaxinas que puido ser a vivencia de Blanco Amor che serviu tamén para escribir este libro. En que sentido?
– FPL: O ostracismo tamén condicionou a vida de Blanco Amor. Por iso tamén, confórtame que me desen este premio. Para min é como un xeito de que quede redondo. Hai biografías moi boas de Blanco Amor, como a de Gonzalo Allegue, Diante dun xuíz ausente, que pasou sen pena nin gloria. Houbo xente que lle virou as costas a Blanco Amor por ser quen era. Blanco Amor pertence ao meu canon persoal, mais tamén por ser unha persoa que se enfronta co establishment galego. Blanco Amor sería como Álvaro. Mais el tentou vivir a súa vida malia os condicionantes sociais. Tamén coa súa vaidade, o seu orgullo, o seu certo rancor e resentimento, porque el sabía que merecía máis que o recoñecemento que lle daban. Era un creador múltiple: poeta, articulista, fotógrafo… (…)”