Entrevista de Carme Vidal a Carlos Callón en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Despois de varios libros de ensaio e investigación sorprende cun título de poesía [Atravesar o fantasma], xénero maiormente iniciático. A que se debe darse agora a coñecer como poeta?
– Carlos Callón (CC): Estas semanas deume por pensar as razóns de que ensaio e poesía sexa o que máis escribo. A resposta que me din a min mesmo é que a través dos dous xéneros busco un saber novo e en parte unha verdade. No ensaio esa verdade preséntase como obxectiva, co semblante do investigador ou do ensaísta combatente na defensa da lingua. Mais hai outro novo saber, unha nova verdade no caso da poesía que descubro ao facer este libro, máis subxectiva, no que está o poeta e as súas cousas. Por que agora? Nas cinco partes que ten o libro hai poemarios embrionarios e que foron no seu momento proxectos de libro no meu computador mais nunca dei o paso de publicalos. Agora estou satisfeito de ter tardado. O resultado global é o que quería transmitir. Recoñézome neste libro e síntome afortunado porque desde que existe o proxecto de libro até que se publica demorou só un ano cando agora é moi difícil que iso aconteza. Non me forzo a publicar e só o fago cando estou convencido. Que ninguén se sorprenda se é o único poemario que publico na miña vida aínda que, claro está, poden vir máis. (…)
– SG: Do que se trata entón é de literaturizar “o medo para afrontalo e vencelo” como di nun dos seus versos?
– CC: A poesía pode servir para afrontar o medo que todos temos. É certo. Pode ser que esta sexa a explicación de por que escribo poesía. Medo en todos os sentidos da palabra. Medo primario, ao abandono, á perda daquilo que nos sostén na vida, mais tamén a como afrontar a sexualidade, que non é fácil para ninguén.
– SG: Ademais dese trasfondo tan presente da psicanálise, anímase a descubrir os seus referentes na poesía?
– CC: Na sexualidade bebo claramente das mulleres dos noventa que conseguiron romper cunha tradición literaria, o que case nunca se fai. Como nomes citaría a Yolanda Castaño, Lupe Gómez ou Antón Lopo que me fascinan e aos que lle debo moito. Os tres abriron vías novas e foron criticados con certo moralismo aínda que cada día son máis valorados. As súas figuras gañan peso e eu estou certo de que continuarán gañando. Son atrevidos e tamén auténticos. (…)”