A literatura en catalán precarízase e só 1 de cada 10 son profesionais da escrita

DesdeAELC Sermos Galiza:
“Sobre unha enquisa remitida aos seus 1.262 afiliad@s, a Asociación de Escritores en Lingua Catalá (AELC) vén de presentar os resultados do seu estudo que evidencia unha “precarización” dos escritores e escritoras con obra só en catalán a respecto de quen ten obra en castelán e unha situación peor en canto á profesionalización da de hai sete anos, cando se fixo a anterior investigación sobre a profesionalización da literatura.
Só unha de cada dez persoas que escriben en catalán vive maioritariamente da escritura, un 1,5 % menos a respecto dos datos de 2007. Significativa é a diferenza entre homes e mulleres, xa que os datos evidencian un 65,7% fronte a un 34,3%.
Do total dos nomes da literatura catalá, case o 80% gaña menos de 5.000 euros ao ano en actividades que teñen que ver coa literatura, que inclúen non só os dereitos por obras senón tamén colaboracións en prensa, conferencias ou guións. Case o 80% manifestan que conseguen o 15% dos seus ingresos por actividades literarias e só o 9,77% dos enquisados confesan que máis do 50 do que facturan ao ano provén da literatura.
Se hai sete anos só un 2% manifestaban estar en situación de desemprego neste momento a cifra elévase ao 4%. Malia iso, o 60% dos enquisados declara que escriben de maneira regular e só un 29% de forma estacional e un 12% frecuentan o oficio de maneira esporádica.”