Entrevista de Carme Vidal a Alberto Ramos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O protagonista [de Máscaras rotas para Sebastian Nell] é un actor secundario do grande teatro inglés atormentado no seu último tempo de vida. Como chega ao perfil deste personaxe arredor do que xira a novela?
– Alberto Ramos (AR): Antes que o personaxe estaba a estrutura. Tiña claro que quería que fose orixinal. Non coñezo ningunha novela na que o noventa por cento sexa diálogo como acontece nesta ocasión que a grande parte do texto é unha entrevista. O formato estaba pensado antes e, deste feito, nun primeiro momento optara por un fotógrafo dos anos setenta que estivese no Madrid da Transición mais logo, pola miña querenza polos actores secundarios, dos que pintan canas, optei polo perfil de Sebastian Nell. En definitiva, todos somos actores secundarios doutras vidas que, dalgunha maneira, fan a nosa propia. Interesábame o papel de actor secundario e un día deume por pensar en Derek Jacobi e decidín centralo no teatro, outro ámbito que para min é moi próximo. Conxúganse, polo tanto, tres elementos, por un lado o interese no secundario, a necesidade de optar por un novo formato e tamén o desexo de facer protagonista a un perdedor, un antiheroe, repugnante, mesquiño, misóxino e homófobo polo que, malia iso, podemos chegar a ter certa admiración e mesmo compaixón. Un miserábel da factoría de Cambridge. (…)
– SG: Esta é a cuarta novela súa, todas premiadas. O premio é unha necesidade para entrar no mundo editorial?
– AR: Non creo que sexa a única maneira mais é unha máis e a que eu prefiro. Prefiro someterme ao anonimato que achegarme a un editor cun libro. Nestes tempos tampouco hai que obviar as motivacións económicas e a min os premios sérvenme para sobrevivir.
– SG: Que supón esta nova novela máis complexa con respecto ás anteriores?
– AR: Neste libro forcei un grande cambio, non ten nada a ver cos anteriores. Gocei como non o fixera nunca escribindo. Esquecía todo, converteuse nunha vía de escape inmensa. Considero que alcancei un nivel creativo co que non contaba. Cando comecei non primeiro parágrafo non contaba co que o resultado fose tan satisfactorio. (…)”