Cuestionario Proust: Tomás González Ahola

DesdeTomás González Ahola o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Tomás González Ahola:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A explosividade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A resistencia inquebrantábel ás adversidades.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Unhas cuncas e unhas palabras.
4.– A súa principal eiva?
– Son moitas e están todas igualadas, como os microbios no corpo do señor Burns.
5.– A súa ocupación favorita?
– Todo o que sexa novo para min.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha casa de madeira e unha lista interminábel de vidas que experimentar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Converterme nun lánguido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Pirata, por suposto.
9.– En que país desexaría vivir?
– En calquera no que puidese ser ditador.
10.– A súa cor favorita?
– O da borraxeira nas mañás.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Se existise, unha que ulise a churrasco e soubese a polbo.
12.– O paxaro que prefire?
– «Dixo o corvo: Nunca máis».
13.– A súa devoción na prosa?
– Lovecraft, London, Milton, Aldiss, Le Guinn…
14.– E na poesía?
– Lucrecio, Milton, Pound.
15.– Un libro?
O Kalevala.
16.– Un heroe de ficción?
– Agardo selo algún día.
17.– Unha heroína?
– A que consiga aturarme toda a vida.
18.– A súa música favorita?
– Todo o que lembre a elásticos vermellos e parches de Kiss.
19.– Na pintura?
– A de parede, se me deixan meter man e enzoufarme.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera persoa feita a si mesma sen cachos dos demais.
21.– O seu nome favorito?
– O do inmencionábel Cthulhu.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A preguiza.
23.– O que máis odia?
– A languidez e os lánguidos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera que se considerase do lado do ben.
25.– Un feito militar que admire?
– Son individualista de máis para os admirar.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Sempre dubido entre invisibilidade e raio da morte nos ollos.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Nunha liorta rueira contra o segador.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Encirrado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Xunto con «tolerancia», desterrei hai tempo esa palabra do meu vocabulario.
30.– Un lema na súa vida?
-Como dicían os Iron Maiden: «Run, live to fly, fly to live, do or die».”