Entrevista a Francisco X. Fernández Naval en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): O 26 de agosto cumpríronse cen anos do seu nacemento e a editorial Linteo volve editar este libro baixo o título, O soño galego de Julio Cortázar, no que fas novas achegas. Que atoparemos nesta edición?.
– Francisco X. Fernández Naval (FXFN): Está todo o anterior, corrixindo algún erro que había nalgunha data, pero o resto estaba ben. O que sucede é que entre os anos 2006, logo de saír aquel primeiro libro, e o 2007, prodúcense grandes novidades: chega o legado a Galicia e con el veñen as imaxes das viaxes. Aparece esa fermosa carta que Julio escribe a Eduardo Jonquiéres, pintor amigo del e tamén de Seoane e de Díaz Pardo, na que relata a viaxe a Galicia de 1956, as impresións que lle causou a paisaxe e fala de Compostela, do Miño, da xente de Galicia con sensibilidade e emoción. Pero hai máis, Neira Vilas, cando le aquela primeira edición, agasállame coa súa memoria de Cortázar e Aurora en Bos Aires, e Cortázar en Cuba, despois. Tamén se publica a correspondencia de Seoane, con cartas para min descoñecidas nas que fala del cos amigos comúns.
Este novo libro ofrece, ademais, a entrevista completa que Ramón Chao lle fai na emisión en español de Radio Francia Internacional, moi fermosa. Tamén Ramón Chao, cando leu o primeiro libro, publicou un artigo no que afondaba na súa relación con el, e tamén iso se recolle agora.
Engado agora, e isto é novidade, unha terceira parte titulada Presenzas, nas que analizo a presenza de Cortázar na cultura galega contemporánea, e falo de presenza e non de influenza, xa que presenza hai no cine, no teatro, na universidade, na música, no movemento asociativo, na plástica, e claro, na literatura tamén. Creo que esas cen páxinas demostran a vixencia de Cortázar, sobre todo entre a xente nova, xa que non me resulta estraño que lle guste aos autores da miña xeración, pero aí están Dores Tembrás, Olalla Cociña ou Berta Dávila como representantes da xente máis nova. O libro inclúe textos inéditos de Antonio García Teijeiro, Anxos Sumai, Eva Veiga, Miguel Mato Fondo, Camilo Franco e Olalla Cociña, que xa tiñan escritos e nos que dialogan con Cortázar. (…)
– VNC: Que momento da vida do escritor arxentino foi no que tivo unha relación máis intensa con Galicia?
– FXFN: Seguramente entre os anos 1944 e 1950, antes de marchar a París. Con Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado e Luís Seoane, mantén unha relación intensa de amizade e colaboración literaria. Neses anos, ademais, aparece Aurora Bernárdez na súa vida. Ela era irmá do escritor galego-arxentino, Paco Luis Bernárdez, que deixou obra escrita en galego. El e Aurora eran fillos de galegos da emigración. Penso que Aurora, que pasou parte da infancia na parroquia de Lago, no concello ourensán de Maside, é quen o trae a Galicia. En Bos Aires din que Cortázar chega a Galicia por amor, que é un xeito ben fermoso de chegar. (…)”