Casas literarias: Castelao

Desdecastelao-placa1 o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Dou comezo hoxe a unha nova sección, Casas literarias. Nela irei dando razón de vivendas de especial relevo por ter sido berce e/ou casa familiar de escritores. A intención é ir creando, devagar, unha sorte de arquivo fotográfico destes predios ata constituír algo así como un mapa de soares onde aniñou o xermolo da nosa literatura. Endalí, irán aparecendo xunto a casas célebres ou máis coñecidas outras menos sabidas e ata esquecidas, pois cómpre recuperar como activo este patrimonio que forma parte principal da historia das letras galegas. (…)
En realidade o lar de berce de Castelao non foi ese, senón un de mampostería encalada que ergueran os seus avós maternos no número 29 da rúa Cabo da Vila. Alí viviu, na compaña de súa nai Xoaquina Castelao Gemme, ata que tivo nove anos, idade á que marcharon ata a Arxentina, onde emigrara seu pai Mariano Rodríguez Dios cando o pequeno tiña tres meses.
Da Arxentina non volveron os Rodríguez Castelao ata 1900. De primeiras, recibíronos na casa de Cabo da Vila, pero ben pronto arrendaron a Casa das Balconetas, fronte por fronte do Concello, onde residiron pouco máis de dous anos. Tras ese tempo e cos cartos que o pai lograra reunir logo na súa segunda ida á Arxentina (a onde regresara ao ano e meses despois de deixar a familia en Rianxo), adquiriron a vivenda con baixo e pisos sita na rúa de Abaixo, número 7, que é a que pode verse na foto e a que foi, dende aquela, vivenda familiar na que permaneceu a descendencia de Mariano e Xoaquina ata a fin na persoa de Tareixa, a irmá máis nova do autor, que a habitou ata marzo do 2000.
Na casa da rúa de Abaixo poden verse hoxe varias placas que lembran o vínculo do escritor coa mesma ao tempo que a homenaxean por mor de efemérides varias. É pois, unha vivenda emblemática, xa que foi o lugar no que se fixo mozo e no que residiu cando non estaba en Compostela por mor dos estudos, un predio, de por parte, ben próximo aos dos tamén célebres rianxeiros Manuel Antonio e Rafael Dieste, con soares na mesma rúa. (…)”

casas-literarias-castelao1