Casas literarias: Alfredo Brañas

Desdeplaca-brañas-I o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Ás dez da mañá do 11 de xaneiro de 1859 viña ao mundo un dos persoeiros máis emblemáticos da intelectualidade galega da segunda metade do século XIX: Alfredo José Francisco Higinio Brañas Menéndez, Alfredo Brañas, gran teórico e promotor do Rexionalismo galego.
Alfredo Brañas naceu no centro mesmo de Carballo e a vivenda na que arrolou os soños naipelos pode hoxe visitarse na rúa Martín Herrera, 20. Alí viviu o que logo foi insigne ensaísta e catedrático da Universidade de Santiago ata os dous anos, pois en 1861 a súa familia trasladouse a Cambados, onde o pai foi exercer como rexistrador da propiedade. (…)
Agora ben, o herdo máis entrañable da pegada galeguista de Brañas no seu Carballo natal simbolízao o Bar O Mexillón, tasca histórica que se sitúa nos baixos da vivenda do prócer. Este local inaugurouse en tempos da II República, unindo o seu nome á memoria do escritor, a quen homenaxea nas súas paredes e na súa historia, pois polo Mexillón pasaron dende Álvaro Cunqueiro a Jorge Víctor Sueiro e houbo un tempo no que Urbano Lugrís fixo lucir alí a súa arte e chegou a se cantar o himno galego en pleno franquismo.
A casa de Alfredo Brañas en Carballo é un exemplo de recoñecemento das orixes e, ao tempo, de admirativa asunción do fillo preclaro. Que a tradición que encarna siga lampexando nese foro tabernario que hoxe ocupa os seus baixos é asemade unha mostra de como o pasado mítico e o presente poden convivir e mesmo retroalimentar un futuro de escrita e cultura posibles.”

casa-brañas