Suso de Toro: “O meu proxecto literario está finalizado”

EntrevistaSuso de Toro de César Lorenzo Gil a Suso de Toro en BiosBardia:
“- BiosBardia (B): No 2010 vostede anuncia que deixa a literatura. Por que?
– Suso de Toro (SdT): Consideraba que acabara un ciclo vital e profesional. Para min, a literatura fora unha empresa á que me dedicara con esforzo e ilusión. Constatei os límites da miña realidade, até onde podía chegar. Tamén os límites da miña literatura; cheguei a un punto de autocoñecemento suficiente para parar. Decidín cerrar o ciclo porque estaba conforme comigo mesmo. E ao mesmo tempo profundamente disconforme co que estamos a vivir en Galicia e en España. Só un exemplo: o último Sant Jordi ao que acudín, no 2010, esa festa do libro que celebra Barcelona o 23 de abril, un programa da segunda cadea de TVE púxonos xuntos para entrevistar a min, un escritor en catalán e outro en vasco. Cando me tocou falar, empecei a soltar palabróns, a queixarme de que para a cultura oficial, as linguas do Estado só daban para un deses chistes que empezan con “Un vasco, un galego e un catalán…”. Non sei se emitiron aquilo pero quedei contente de poder expresar tanto cansazo acumulado.
– B: Mais agora volta con Somnámbulos.
– SdT: Este libro nace do primeiro relato, “Negocios de familia”. Era un texto que necesitaba botar fóra, que me proía. É un relato que ten moito a ver coa miña propia idade. A partir dos 50 anos, as persoas, tamén os escritores, empezamos a reflexionar e a falar sobre a nosa propia vida. A orixe deste relato está na miña propia vivencia de mocidade no remate do franquismo; é unha reflexión sobre o pasado. Os outros textos xa estaban escritos desde hai tempo. O segundo, “Conversando coa auga”, é unha encarga da Fundación Augas de Barcelona; o terceiro, “Insomne”, naceu primeiro como unha gravación magnetofónica.
– B: Así que este libro é unha paréntese. Volverá ao silencio.
– SdT: Agora escribo só polo pracer que me dá a loita que supón a creación. Xa non teño propósito de nada. Xa non me quero encadear aos lectores. Pero no futuro seguro que escribirei libros e intentarei publicalos. O meu proxecto literario xa está finalizado. (…)
– B: Vostede dixo unha frase moi interesante sobre o estilo: “Hoxe, aínda que queiramos, xa non podemos escribir coma o facía Robert Louis Stevenson”. O escritor do século XXI pode escribir como facía James Joyce?
– SdT: A min Joyce interésame como construción autoral; en canto á experimentación, eu sempre fun da idea de que había que lograr a liberdade expresiva e a busca da transmisión. Nunca quixen romper co lector. O Ulises de Joyce é unha perversión do pacto literario. Volvendo a Joyce como construto artístico, considero que realizou o seu empeño de converterse nun grande escritor con grande astucia. Quería que a súa obra ocupase un posto de poder e logrouno. A min interésame a dialéctica que ten con Irlanda, algo que se oculta xeralmente no estudo que del se fai desde España. Está claro que era un antiimperialista. Gústame moito esa frase que dicía de que quería arrebatarlles a lingua inglesa aos ingleses. (…)”