Compostela: inaugurado o Máster Literatura Infantil e Xuvenil como achega á formación e desenvolvemento de hábitos lectores, dirixido por Blanca-Ana Roig

OBlanca-Ana Roig día 12 de xaneiro inaugurouse o Máster Literatura Infantil e Xuvenil como achega á formación e desenvolvemento de hábitos lectores, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela-ICE-Familias Mundi, dirixido por Blanca-Ana Roig Rechou (da AELG) e codirixido pola directora do ICE.
Están matriculados 38 alumnos e alumnas provenientes de varios países de Hispanoamérica. Realízase na Facultade de Filosofía, aula 2, da Universidade de Santiago.

Ten como obxectivos:
– Formar sobre a evolución psicolóxica e a madurez lectora dos discentes até os 18 anos.
– Adquirir coñecementos teórico-prácticos sobre lectura, educación literaria e formación lectora.
– Dar a coñecer como se constituíu a Literatura Infantil e Xuvenil, as súas fortalezas e debilidades, tendo en conta a lectura textual e a ilustración.
– Adquirir as habilidades necesarias para deseñar e realizar programas de animación e estimulación lectora, na familia, a escola e a biblioteca.
– Desenvolver competencias para seleccionar obras literarias de valor estético, que respondan aos intereses dos lectores.
– Coñecer as prácticas de estimulación lectora no labor editorial, bibliotecario e de aula.
– Coñecer a visión de escritores da Literatura Infantil e Xuvenil e a súa obra para axudar a poñer en práctica os coñecementos adquiridos.
– Analizar os novos formatos da Literatura Infantil e Xuvenil.
– Valorar a importancia da familia na formación e desenvolvemento do hábito lector.
– Adquirir destrezas para a realización de traballos de investigación.
E como finalidade axudar a mellorar os índices de lectura, dada a súa importancia no desenvolvemento integral de nenos e mozos e recoñecer o papel fundamental que cumpre a familia no achegamento lúdico ao libro e á lectura.

A parte da evolución psicolóxica e métodos está impartida por profesorado da USC e a de Literatura Infantil e Xuvenil, educación literaria, lectura en aula e biblioteca e educación artística corre a cargo de Blanca-Ana Roig Rechou, Eulalia Agrelo Costas, Marta Neira Rodríguez, Mª del Carmen Ferreira Boo, Isabel Mociño González e Mar Fernández Vázquez (da AELG) ademais doutro profesorado da USC, da Universidade de Santiago de Chile, de Sevilla e Portugal, educadores galegos e editores (como Hércules de Ediciones).
Nel tamén interveñen escritores galegos como Agustín Fernández Paz e Antonio García Teijeiro, a escritora Fina Casalderrey Fraga, o escritor portugués João Pedro Mésseder e o escritor sevillano Antonio Rodríguez Almodóvar. Faranse encontros con profesores de diversos países, co director da Real Academia Española, Darío Villanueva Prieto, e coa Editorial Kalandraka.