Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Samuel L. París:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo?
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que non descubran a persoa que realmente son.
4.– A súa principal eiva?
– Difícil escoller, pero gustaríame ser menos agonías.
5.– A súa ocupación favorita?
– Divertirme co que sexa.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha pachanga na praia de San Francisco de Louro no verán e despois darme un baño e beber unha birra ben fría.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Deixarme ir.
8.– Que lle gustaría ser?
– Diría algo como “unha persoa nova cada día” (e, en parte, é verdade), mais realmente gustaríame ser insultantemente rico.
9.– En que país desexaría vivir?
– Son quen de ser feliz e infeliz en calquera sitio e papahostias hainos en todas partes, así que tanto me ten.
10.– A súa cor favorita?
– Todas.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A da Kritikal Bilbo.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera cociñado con bo gusto.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son devoto de ninguén, a verdade.
14.– E na poesía?
– Tampouco. Non hai poesía á que lle teña fe cega.
15.– Un libro?
– Un pobo só prosperará cando na educación primaria se obrigue a ler Pulir de Nacho García.
16.– Un heroe de ficción?
– Dhalsim, do Street Fighter II da SNES. Ía lento e cuspía lume.
17.– Unha heroína?
– Mandy Cohen, do filme “Life of Brian”.
18.– A súa música favorita?
– Calquera que me faga suar.
19.– Na pintura?
– Miguel Noguera.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Xulia Mintoni.
21.– O seu nome favorito?
– Micaela.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Odio a goma de mascar e a calquera persoa que a teña na boca a menos de cinco metros de min.
23.– O que máis odia?
– Aburrirme.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ningunha especialmente.
25.– Un feito militar que admire?
– O 11-S.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Axilidade, porque son unha toupa.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Ao final dun redobre de tambor levándome por diante a toda a humanidade.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que nacen do medo.
30.– Un lema na súa vida?
– Meu pai: Lema.”