Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“A Rúa de Abaixo, en Rianxo, non é unha vía calquera, é un continente literario rodeado de océanos de xenialidade por todas partes. Unha das illas que habitan ese Paradiso das Letras é a casa natal do inmenso poeta Manuel Antonio.
Felizmente convertida hoxe en casa-museo, adornada con diversas placas conmemorativas, a vivenda na que veu ao mundo o 12 de xullo de 1900 o autor de Foulas é un inmoble de tres andares que aínda conserva mobiliario do tempo do poeta e outros obxectos persoais e documentos que se expoñen aos visitantes xunto a diverso material fotográfico. (…)
Mais se Padrón, Iria Flavia, Santiago, Vigo e Asados foron importantes na vida de Manuel Antonio, a casa da Rúa de Abaixo foi a mandorla da que dimanou toda a maxia da súa escrita e Rianxo a vila na que departiu intensamente con Rafael Dieste, con seu curmán Roxelio, tamén cos Insua, Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao, parentes do seu benemérito veciño, e outros como Laureano Lorenzo, os irmáns Carou, Sixto Aguirre… (…)”