Manuel Núñez Singala: como querer ser escritor serio e non conseguilo?

EntrevistaManuel Núñez Singala de Carlos Loureiro a Manuel Núñez Singala en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Con menos de vinte anos sae da túa pluma O achado do castro: premios, recoñecementos, representacións aquí e fóra… Que supuxo para ti esta obra, un xa referente do noso teatro contemporáneo?
– Manuel Núñez Singala (MNS): A ver, as cousas non son tan así, tan explosivas, todo foi ocorrendo moito máis a modo. O achado do castro foi unha peza escrita para o grupo de teatro do Instituto de Bacharelato de Vilalba no que eu estudaba e co que xa levaramos a escena un par de obras miñas anteriores. Foi unha peza escrita moi cedo, é certo, con dezanove anos. Como montaxe teatral tivo un éxito moi limitado: dúas representacións, unha para o centro, outra para o público xeral no ano 1983, e aí quedou, gardada nun caixón ata catro anos despois, cando a recuperei, corrixín e pasei a limpo para enviala a un premio de teatro. Corría o ano 1987 e gañou o Premio Xiria de Creación Teatral, de Cangas, mandeina daquela, por recomendación dun dos membros do xurado, a unha editorial que aceptou publicala. Pero pasaron outros catro anos máis, e cando xa case me esquecera dela, un día atopeina no escaparate dunha libraría e, claro, entrei e merquei un exemplar, estou a falar xa do ano 1991. A partir de aí o éxito foi vindo de vagar, cun incremento constante nas vendas do libro e das montaxes teatrais, en Galicia e fóra, algo que por fortuna segue sucedendo aínda hoxe. (…)
– NG: Outra obra túa que acadou un forte éxito a todos os niveis, pero sobre todo a nivel do ensino, foi a túa Comedia bífida. Cando te decataches que para facer reflexionar sobre a situación do noso idioma tiñas que mesturar as túas dúas realidades persoais: o teatro e a normalización lingüística?
– MNS: A idea de facer unha obra de teatro na que se tratasen cuestións relacionadas coa lingua ocorréuseme moitos anos antes de que Comedia bífida fose unha realidade. Pero levoume moito tempo materializala nun texto final. Creo que foi o libro que máis tempo precisou para saír á luz, dende a idea inicial ata o momento en que puxen o punto final.
En Comedia bífida, e tamén en gran medida no meu último libro, Instrucións para tomar café, o humor funciona como lubricante, como excipiente para vehicular unha serie de ideas ou de opinións que doutro xeito poderían resultar máis ásperas. (…)”